CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Arrinca a nova temporada da TVG, con moitas estreas de entretemento e co 30 aniversario de 'Luar'

15/09/2022

Entre as novidades, o programa ‘Non lle chames amor’, para o prime time dos mércores, a nova serie documental ‘Os Castelos’, sobre a Galicia feudal, o magazine da tarde ‘Hora Galega’ e a nova serie de ficción ‘Motel Valkirias’

Volven ‘Malo Será!’, ‘Galicia Bonita’, ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Bamboleo’ e ‘Luar’, que celebrará os seus 30 anos cunha gran festa

Arrinca a nova temporada da TVG, con moitas estreas de entretemento e co 30 aniversario de 'Luar'

Santiago, 15.09.2022.-    A Televisión de Galicia estrea nova temporada no eido do entretemento con novos contidos e tamén coa volta de grandes clásicos como ‘Luar’. De feito, será Gayoso o encargado este venres de marcar o comezo do curso cun programa especial en que participarán as caras máis coñecidas da Galega para presentar a nova grella.

Nesta temporada, a TVG presenta novidades en todos os eidos. Arranca este sábado coa estrea da serie documental de produción propia ‘Os Castelos’ (20:30 h). Da man de Alba Mancebo, a serie achegaralles aos espectadores a historia dos grandes castelos de Galicia revelando, como non se vira antes en televisión, o patrimonio arquitectónico galego entre o 1.000 e o 1.500 da nosa era. Durante  6 capítulos, a TVG contará como se configurou a sociedade arredor destes centros de poder e sen perder de vista os mosteiros, que tiveron tamén un papel crucial na época feudal.

A semana que vén chega ao prime time dos mércores ‘Non lle chames amor’, un formato talk show presentado pola psicóloga e sexóloga Raquel Graña, que percorrerá toda Galicia en limusina para falar desde lugares tan dispares como un campus universitario ou un aparcadoiro dunha antiga discoteca. Desde eses sitios conversarase de emocións, de sentimentos e de sexo. O programa buscará lugares en torno a unha única premisa: que teña relación coas historias que van contar os seus protagonistas. Son conversas interxeracionais que rachan cos estereotipos da idade, de persoas que falan de amor e de sexo con liberdade, cada un desde a súa perspectiva dunha época ou dun lugar.
 
Ademais, de luns a venres, na tarde da TVG, despois de ‘Quen Anda Aí?’, chega ‘Hora Galega’ (19:00 h), o novo magazine diario da TVG, está presentado por David Espiño e Rocío Durán. É un espazo en directo, de actualidade aberto a toda Galicia da man do equipo de reporteiros e das ducias de persoas que pasarán cada día polo programa.

E entre as novidades tamén volven os clásicos, e volven con sorpresas. No prime time, os espectadores atoparán as novas temporadas de ‘Malicia Noticias’ (domingo a mércores, 22:30 h), que desta volta estará presentado por Lucía Veiga; o luns, ‘Galicia Bonita’, seguirá a loita incansable contra o feísmo en Galicia; e o martes ‘48 horas para o si’, en que os espectadores se embarcan na aventura do amor correspondido… coa incógnita de saber se un dos membros da parella contestará si ou non a pasar polo altar. Volverá tamén o equipo de ‘Malo Será!’, que se botará novamente aos teatros para facer ficción galega e en galego. Esta temporada traerá tamén máis ficcións á pantalla da TVG, como a nova serie ‘Motel Valkirias’.

Outros que están de volta son ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Bamboleo’ e ‘Luar’, este último con moito que celebrar, xa que superou todos os récords do mundo televisivo e cumpre 30 anos. Faino en perfecto estado de saúde e cun grande evento o vindeiro 23 de setembro. A estas estreas súmase o éxito de formatos que non deixaron a grella no verán como ‘Carballeira’, en directo os sábados pola tarde, ou o concurso de éxito ‘Atrápame se podes’, que se emite de sábado a mércores ás 22.00 h.

Atmosféricos’, as claves da información meteorolóxica

A transcendencia social dos contidos relacionados coa meteoroloxía e o medio ambiente é cada vez maior. Por isto, TVG e Radio Galega amplían os espazos dedicados á información do tempo. Desde a vindeira semana, de luns a venres, ás 13:30 h, chega á grella de TVG o programa ‘Atmosféricos’, presentado polo xornalista Sevi Martínez e que contará coas achegas diarias de expertos de referencia para explicar as claves meteorolóxicas. Ademais, TVG, RG e G24.gal reforzarán os seus espazos asignados á previsión meteorolóxica en todas as franxas horarias, de luns a domingo.

Galería de imaxes