CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG participa en sete novos proxectos cinematográficos, no marco das medidas extraordinarias de apoio ao audiovisual

30/04/2020

Son as longametraxes ‘Estelas’ e ‘Nación, un sitio onde pousar a cabeça’; e catro longametraxes documentais, ‘Onde máis doe’, ‘Patarinos’, ‘Morabeza’ e ‘Verde, a cor da soidade’

Así mesmo, a Corporación vai apoiar a TV movie e miniserie de dous episodios ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’

 

 

A CRTVG participa en sete novos proxectos cinematográficos, no marco das medidas extraordinarias de apoio ao audiovisual

Santiago, 30.04.2020.-       A CRTVG acordou a súa participación en sete novos  proxectos cinematográficos, seis longametraxes de ficción e documentais, e unha TV movie sobre a figura de Sofía Casanova, nunha decisión enmarcada no conxunto de medidas deseñadas para reforzar o compromiso coa industria audiovisual galega e nunha medida anticipada debido a conxuntura creada polos efectos da COVID-19. Este paquete de Medidas de apoio ao sector audiovisual e creativo para contrarrestar os efectos da COVID-19 (8 de abril)”, é público no Portal de Transparencia da CRTVG.

As producións seleccionadas, nunha xuntanza extraordinaria da Comisión Directiva de Programación da CRTVG, son ‘Estelas’, primeira longametraxe de ficción do director novel Roberto Alvite; a longametraxe documental de creación ‘Nación, un sitio onde pousar a cabeça’, dirixida por Margarita Ledo, e catro longametraxes documentais: ‘Onde máis doe’, sobre a violencia de xénero, de Xamalú Producións; ‘Patarinos’, producida por Sétima S. Coop. Galega; ‘Morabeza’, longametraxe documental producida por Kaito Estudios e dirixida por David Mon, e ‘Verde, a cor da soidade’, de Alberto Trabada.

Así mesmo, a Corporación vai participar tamén nunha TV movie e miniserie de dous episodios ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’, codirixida por Zaza Ceballos e a directora novel Noelia Muíño.

Con estas propostas, a TVG reafirma o seu compromiso co sector nun momento de dificultade e o seu obxectivo de ser unha canle de referencia para os cidadáns galegos. A selección tivo lugar dentro do cumprimento á tramitación sinalada na resolución da Dirección Xeral da CRTVG do 28 de xuño de 2011 relativa ao procedemento de presentación de proxectos de producións audiovisuais de interese para TVG.

Longametraxes:

 ‘Estelas’ é a  primeira longametraxe de ficción do director novel Roberto Alvite e será producida pola produtora Melgo Cinema. A súa ópera prima, ‘As tres caídas de María Santiso’, Premio do Público na 41 Semana de Cine de Lugo, e, posteriormente, a súa curtametraxe ‘Postre’, amosan o interese do autor polo cine social. ‘Estelas’ é un drama que nace da vontade de explorar o desenvolvemento da infancia dentro de estruturas familiares en conflito  a través de dúas historias paralelas que se cruzan.

‘Nación, un sitio onde pousar a cabeça’, longametraxe documental de creación dirixida por Margarita Ledo e producida por Nós Productora Cinematográfica Galega. Proposta de autor con marcado carácter feminino: a vida da protagonista é a vida das mulleres galegas que conseguen facerse un oco na sociedade industrial todo ao longo do século XX.

Catro longametraxes documentais:

 ‘Onde máis doe’, de Xamalú Producións, dirixida por Manane Rodríguez. Documental sobre violencia de xénero baseado en feitos reais acaecidos en Oza-Cesuras en maio de 2017 convida á reflexión sobre a situación da muller no mundo de hoxe, e sobre a pegada da pisada patriarcal, xa secular, sobre este mundo.

‘Patarinos’, producida por Sétima S. Coop. Galega. Proxecto documental, que será a ópera prima de Zeltia Outeiriño. Unha historia familiar e persoal en relación co contexto histórico para repensar a súa propia identidade.

‘Morabeza’, unha longametraxe documental producida por Kaito Estudios, do director David Mon que fala da emigración, pero, sobre todo, da convivencia e a integración; unha historia local como resposta a un problema global e presenta o modelo de coexistencia e cooperación entre caboverdianos e burelaos, que permanece vivo tras corenta anos.

‘Verde, a cor da soidade’, de Alberto Trabada. Proxecto de película documental comprometida que fala do despoboamento rural desde a voz dos superviventes dunha forma de vida sostible, chea de sabedoría e respectuosa coa natureza.

TV movie e miniserie de 2 episodios ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’: Codirixida por Zaza Ceballos e a directora novel Noelia Muíño, multipremiada o ano pasado no Festival de Cans coa curtametraxe ‘The widow”. Proposta que emprega a ficción como ferramenta divulgativa e que vén incrementar a colección de biopics sobre mulleres galegas que fixeron historia.