CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Anxo Rodríguez, director de 'Vivir o mar', recolleu o premio da Feira Monográfica Expomar

13/05/2019

'Vivir o mar' emítese desde hai máis de 20 anos e difunde todos os aspectos relevantes do sector do mar e da pesca, un sector produtivo esencial no desenvolvemento social e económico de Galicia

Anxo Rodríguez, director de 'Vivir o mar', recolleu o premio da Feira Monográfica Expomar

Santiago, 13.05.2019.- A Fundación Expomar premiou este domingo o programa 'Vivir o mar' polo seu traballo divulgativo das actividades marítimas e pesqueiras en Galicia. O recoñecemento fíxose onte nun acto público na última xornada da XVIII Edición da Feira Monográfica Expomar en Burela.

O director de 'Vivir o mar', Anxo Rodríguez, foi quen recolleu a distinción en representación do equipo deste programa dos servizos informativos da TVG e asegurou que se sentían "honradísimos" por recibir este recoñecemento.

O espazo elabora desde 1995 reportaxes sobre as actividades marítimas e pesqueiras, un sector de grande importancia socioeconómica en Galicia. Este programa veterano da TVG, que naceu co nome de 'O noso mar' e xa leva máis de 900 programas, emítese todos os domingos ás 11.00 h pola primeira canle.

O escenario deste recoñecemento foi a Feira Monográfica Expomar, centrada na pesca e a náutica que pretende ser unha plataforma de comunicación entre a administración, os empresarios do mar e os profesionais que nel traballan.

'Vivir o mar', patrocinado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia, trata de xeito transversal todos os aspectos do mar galego, desde a pesca extractiva á cría en granxa de peixes e mariscos; desde a conserva industrial ata a artesanal, desde o papel da muller no mar, ata a formación dos diversos colectivos que traballan no sector.