CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Andy y Lucas e Bombai, uns veteranos da escena musical española e uns acabados de chegar, actúan hoxe en 'Luar'

13/10/2017

O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e María Mera tamén ofrecerá as actuacións do coro Son Elas, da orquestra Olympus e do grupo folk Faíscas da Pontraga

Andy y Lucas e Bombai, uns veteranos da escena musical española e uns acabados de chegar, actúan hoxe en 'Luar'

Santiago, 13.10.2017.- O grupo Andy y Lucas encabeza esta semana o cartel do programa 'Luar' (22.00 horas). O dúo gaditano fai década e media no panorama musical e aínda hoxe resoan os refráns dos seus primeiro éxitos como 'Son de amores' e 'Tanto la quería'. Nestes 15 anos de existencia sumaron máis dun millón de copias vendidas, once discos de platino e máis de 750 concertos. Este verán volveron con 'Quiero la playa', o primeiro avance do seu próximo álbum de estudio.

E duns veteranos da escena musical española a uns acabados de chegar. O espazo da TVG tamén ofrecerá a actuación de Bombai, grupo valenciano que aterra cun estilo bautizado como 'beach pop', xa que a súa proposta respira frescura e positividade e mestura rock, reggae, indie e pop. A banda deuse a coñecer con 'Sólo si es contigo', unha canción que está a arrasar en toda España.

Tamén estará hoxe no escenario de 'Luar' o coro feminino Son Elas, creado recentemente no municipio coruñés de Ames. O seu repertorio abarca pezas de compositores galegos como Luís Emilio Batallán e Emilio Rúa e adaptacións de temas dos Beatles, entre outros.

A orquestra Olympus, a Panda de Verdiales, Jotrón y Lomillas e a agrupación folk Faíscas da Pontraga completan as propostas musicais de 'Luar' para este venres á noite, en que non faltará unha nova entrega do concurso 'Recantos', hoxe coas actuacións de Selene Casal, representante da comarca Ourense Norte, e Natalia, procedente da Mariña.