CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Andreu Manresa, director xeral do Ens Públic de Radiotelevisió de les Illes Balears, é o novo presidente de Forta

10/01/2019

Durante o seu mandato, prestaráselle especial atención á implementación de medidas para seguir poñendo en valor o servizo público desenvolvido polos organismos de radio e televisión públicos autonómicos, entre eles, a CRTVG

Andreu Manresa, director xeral do Ens Públic de Radiotelevisió de les Illes Balears, é o novo presidente de Forta

Santiago, 10.01.2019.-    A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (Forta), da que forma parte a CRTVG, nomeou novo presidente a Andreu Manresa i Monserrat, actual director xeral do Ens Públic de Radiotelevisió de les Illes Balears. Manresa tomou posesión do cargo durante o transcurso da xunta xeral que a Federación celebrou hoxe, en que se analizaron as liñas estratéxicas de acción da entidade para os próximos meses.

Durante o seu mandato, que se estenderá ao longo deste primeiro semestre de 2019, continuarase avanzando na consecución dos principios e obxectivos fundacionais da Federación, con especial atención á implementación de medidas para seguir poñendo en valor o servizo público desenvolvido polos organismos de radio e televisión públicos autonómicos que forman parte de Forta, impulsores e promotores da diversidade e da pluralidade informativa, social e cultural de cada rexión. Traballarase coa mirada posta tamén na celebración, este ano, do 30 aniversario da Federación.

Licenciado en Ciencias da Información pola Universitat Autònoma de Barcelona, Manresa desenvolveu a súa carreira profesional como periodista en distintos medios de comunicación escritos e audiovisuais. Foi director de RNE Baleares e de RNE Catalunya  e traballou na redacción de “El País” como correspondente nas Baleares.

    O director do Ens Públic de les Illes Balears sucede no cargo a Antonio Virgili Rodríguez, director xeral da Radiotelevisión do Principado de Asturias (RTPA), quen asumiu a presidencia durante o segundo semestre de 2018. A xestión realizada por Virgili foi valorada de forma positiva pola Xunta Xeral de Forta, que destacou o seu compromiso á hora de defender os intereses da Federación.