CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Amplo despregamento na Radio Galega co comezo da Liga de Fútbol Profesional

14/08/2019

No arranque, transmitirá os primeiros encontros do Celta, Lugo e Deportivo

Amplo despregamento na Radio Galega co comezo da Liga de Fútbol Profesional

Santiago, 14.08.2019.-  Este sábado comeza a temporada 2019-20 na Liga de Fútbol Profesional e volve ‘Galicia en Goles’, o programa líder das fins de semana. A Radio Galega ten preparado un amplo despregamento para retransmitir os tres primeiros partidos do curso.

O sábado, desde as 14.15 horas, Xoán Galán conectará con Balaídos para tentear con Roberto Carlos Carballo e Víctor López as horas previas ao Celta-Real Madrid. Desde as 16.00 horas, o adestrador Moncho Carnero incorporarase ao equipo da emisora autonómica para detallar todo o que dará de si o duelo táctico entre Escribá e Zidane.

A outra cita do sábado reúne no Anxo Carro o Lugo e o Estremadura, na segunda división. Andrés Vieites, Emilio González e Rafa Porto encargaranse de trasladar á audiencia os primeiros noventa minutos do equipo de Eloy no campionato. A partir das 20.30 h., adestradores e xornalistas debaterán da xornada no ‘Faladoiro’.

Xa o domingo, desde as 17.00 horas, a atención estará posta en Riazor, no encontro de segunda división entre o Deportivo e o Real Oviedo. Javi Torres, César Méndez e Xosé Manuel Traba formarán o equipo da Radio Galega desprazado ao estadio coruñés.

Ademais, o programa atenderá aos últimos encontros da pretemporada dos equipos galegos da segunda división B: Alondras-Celta B e Arousa-Pontevedra; e ás finais do torneo de fútbol base en Ponteareas onde compiten Celta, Deportivo, Lugo, Pontevedra e Porto, entre outros.