CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Alumnos de Pontevedra, Zas e Ferrol fanse cos premios 'Nós Tamén Creamos!', en que participa a CRTVG

12/06/2018

Na nosa web, amais das curtas de animación gañadoras, están dispoñibles  todos os traballos presentados na sétima edición deste concurso
   

Alumnos de Pontevedra, Zas e Ferrol fanse cos premios 'Nós Tamén Creamos!', en que participa a CRTVG

Santiago, 12.06.2018.-  O certame ‘Nós Tamén Creamos!’, que fomenta a creatividade e o uso da lingua galega mediante a realización de curtas de animación, xa ten gañadores na súa sétima edición. Nesta ocasión, foron alumnos do CEIP Labarta Pose (Zas), Ponzos (Ferrol) e Xunqueira 2 (Pontevedra) os que se fixeron cos galardóns.

Todas as curtas, elaboradas coa técnica stop-motion por profesorado e alumnado de infantil e 1º e 4º de primaria, están dispoñibles na sección infantil da páxina web da CRTVG. Os traballos gañadores tamén se poden ver no portal da lingua galega (www.lingua.gal/nos-tamen-creamos).

Os colexios galardoados recibirán un lote de libros de OQOeditora, un agasallo outorgado pola CRTVG e un diploma acreditativo. Amais, o profesorado implicado na elaboración das curtas recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa.

A CRTVG colabora na realización destes premios, que promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para fomentar unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso en novos formatos, e dar a coñecer as opcións de lecer en galego que lles ofrece aos cativos e cativas a web dos medios públicos galegos.