CRTVG Viva
Alto seguimento de audiencia nos medios públicos galegos na decisiva xornada futbolística do domingo
A web da CRTVG incrementou onte nun 52% os accesos de usuarios
A emisión do partido Ximnástico-Celta tivo unha cota de pantalla de 30,2% na TVG
O especial ofrecido a continuación pola Galega, coa celebración do ascenso á división de honra do Deportivo, tivo un 14,2% de audiencia media
Televisión de Galicia liderou o 'prime time' galego cun 20,9% de 'share'
Pola súa parte, a emisora p
Santiago, 28.05.2012.- Os medios públicos galegos foron este domingo as canles de referencia para seguir en directo unha xornada futbolística decisiva, cun previsible desenlace da temporada, para o Celta e o Deportivo. Tanto a páxina web da CRTVG coma a Radio Galega e a TVG implicáronse desde a transmisión do ambiente ata a posterior celebración da afección do conxunto coruñés en Riazor, obtendo así un alto seguimento por parte da audiencia galega.
Aínda que por razóns de dereitos de emisión desde a web da CRTVG non se puido transmitir nin o encontro do Celta nin o do Deportivo, si se difundiu en directo o tamén decisivo partido do Ourense, en fase de ascenso, e as imaxes posteriores cos festexos polo ascenso á Primeira División do Dépor. Esta programación ofrecida pola rede en vivo supuxo que na xornada do domingo se incrementasen nun 52% os accesos dos internautas, cunha media de conexións de 31.881 usuarios.
Pola súa parte, o partido Ximnástico-Celta, ofrecido en directo pola Televisión de Galicia, acadou o liderado de audiencias durante a súa emisión cunha cota de pantalla de 30,2%, contribuíndo a que a TVG fose a canle máis vista no 'prime time' galego cun 20,9% de cota. Como dato curioso, salientar que a transmisión da Galega foi seguida en pantalla xigante no parque vigués de Castrelos por unhas 20.000 persoas.
Tras a conclusión deste encontro, a canle pública galega realizou un seguimento das celebracións que se sucederon polo ascenso do Deportivo na cidade da Coruña. Desde case as dez da noite e ata as dúas da mañá, os galegos tamén permaneceron atentos á emisión da TVG situando nun 14,2% a cota media de seguimento.
En global, desde o inicio do espazo “A Xornada”, ás 19.50h, e ata a fin da emisión das celebracións branquiazuis, a Galega obtivo un 'share' de 19%.
Pola súa parte, o programa “Galicia en Goles” da Radio Galega iniciou unha cobertura especial dos dous eventos futbolísticos ás 16.00h. Conducido por Xoán Galán, despregou unidades móbiles na Coruña e en Vigo e achegou a narración do conxunto vigués, realizando amais continuas conexións en directo co estadio de Riazor. A través da emisora pública galega, os oíntes tamén puideron seguir de primeira man os encontros e o ambiente previo e posterior de ambos os dous equipos e afeccións.
A foto superior recolle o seguimento da cobertura da TVG a través de dispositivos móbiles.