CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Acabar coa desnutrición e proxectos en Bolivia, obxectivos da semana da CRTVG e Unicef a prol da infancia

15/11/2015

Desde o 16 ao 22 de novembro, a TVG e a RG desenvolverán unha programación específica para concienciar a audiencia da importancia da solidariedade para acabar coa eiva da mortalidade infantil

Un equipo da Galega e a actriz Lucía Regueiro visitaron varias comunidades indíxenas deste país sudamericano para coñecer o proxecto de cooperación en que participa a Cooperación Galega

Co lema “Agora non podemos parar”, profe

Acabar coa desnutrición e proxectos en Bolivia, obxectivos da semana da CRTVG e Unicef a prol da infancia

Santiago, 15.11.2015.-  A loita contra a desnutrición infantil é unha das grandes frontes do traballo que Unicef desenvolve en todo o mundo. Aínda que as porcentaxes da súa cronicidade descenden grazas ao labor de organizacións non gobernamentais coma esta, cada ano esta eiva acaba coa vida de case 3 millóns de nenos e nenas menores de cinco anos. Con este cometido e por quinto ano consecutivo, a CRTVG e Unicef volven poñer en marcha a súa semana a prol da infancia baixo o lema “Agora non podemos parar”

Desde o 16 ao 22 de novembro, a Televisión de Galicia e a Radio Galega ofrecerán unha programación específica de sensibilización da audiencia sobre a importancia da solidariedade para acabar coa lacra da mortalidade infantil, xa que cada día morren case 8.000 rapazas e rapaces menores de cinco anos debido á desnutrición, entendida esta como unha combinación de falta de alimentos e de enfermidades infecciosas. 

Nesta quinta “Semana coa Infancia”, os medios públicos galegos afondarán amais no programa “Mellora do acceso aos servizos de saúde de mulleres embarazadas e acabados de nacer”, un proxecto de cooperación de Unicef na selva e noutras zonas de Bolivia, en que participa a Cooperación Galega. Un equipo da Galega, encabezado polo redactor xefe da TVG Xosé M. Maseda e a actriz Lucía Regueiro coñeceron de primeira man a situación extrema en que viven as comunidades indíxenas dun dos países máis pobres de América Latina, con máis do 60% da poboación vivindo por debaixo do limiar da pobreza e cunhas taxas de mortalidade materna e infantil entre as máis altas de América do Sur. 

Ao longo desta semana e a través de reportaxes e das súas vivencias, este equipo de profesionais galegos desprazado a Bolivia falará da súa experiencia no país, onde o propósito deste plan é implementar un sistema de seguimento e vixilancia das mulleres embarazadas (‘Telesaúde’) e dos nenos acabados de nacer, baseado na utilización das novas tecnoloxías, que lles garanta o acceso ás redes de saúde e á calidade da atención sanitaria.

Programación específica na TVG e na Radio Galega 

Os medios públicos galegos, conforme á súa natureza de servizo público e á súa vocación de responsabilidade social, servirán de altofalantes de Unicef, desde este luns e ao longo desta semana, para dar a coñecer nos seus distintos espazos a situación actual e as necesidades máis preocupantes da infancia e, tamén, para realizar un chamamento á solidariedade da audiencia.

Para colaborar con este obxectivo, espazos da TVG e da Radio Galega, tanto informativos coma de entretemento, ofrecerán contidos específicos a través de entrevistas, transmisións en directo ou reportaxes. Cómpre salientar que “Luar” volverá comprometerse totalmente coa “Semana coa Infancia” e ofrecerá o próximo venres, 20 de novembro, unha edición especial, coincidindo precisamente coa celebración do 26 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno e do Día Universal da Infancia. Tamén colaborarán con Unicef outros programas da canle pública, como “Land Rober”, “Boas Tardes”, “O que pasa aquí” e “Aquí Galicia”, ademais dos diferentes espazos dos Servizos Informativos (“Contraportada”, “Bos Días”, “A Revista”, “Telexornal Mediodía” e “Telexornal Serán”).

Presentadores da Televisión de Galicia, como Terio Carrera e Ana Celia Vázquez, actuarán como “mensaxeiros” da campaña “Agora non podemos parar”. Amais da forte implicación da actriz Lucía Regueiro nesta Semana, outros artistas moi populares para os espectadores, que encabezan o elenco das series “Serramoura”, “Hospital Real” e “Pazo de Familia”, quererán ser partícipes desta iniciativa realizando chamamentos á colaboración. 

Pola súa parte, a Radio Galega e os seus profesionais dedicarán cada xornada boa parte dos seus contidos á “Semana coa Infancia”, a través de programas como “Somos Quen”, “Galicia en Goles”, “A Tarde”, “Galicia por diante”, “Aquí Galicia” e “Convivir en Igualdade”. Na emisora pública, actuarán como “mensaxeiros” os presentadores Xusto L. Carril, Xoán Galán e Kiko Novoa, entre outros.

A estas accións súmase tamén a colaboración da nosa páxina web da CRTVG e a través da súa presenza nas redes sociais.

Desde este luns, todos eles farán un chamamento especial para que a audiencia galega se una á “Semana coa Infancia” co envío de SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 38028. Co custo dunha mensaxe enviada, 2€, que Unicef dedica de xeito íntegro á loita contra a desnutrición, pódense tratar durante un día a dous nenos/as con desnutrición aguda grave. Con dous ou tres días de tratamento cos sobres de alimento terapéutico, un rapaz ou rapaza volve recuperar a vitalidade, o apetito e as ganas de vivir. 

En 2014, Unicef tratou desta doenza grave 2,3 millóns de nenas e nenos atrapadas en situacións de urxencia humanitaria. A desnutrición infantil nas súas diferentes formas é unha das principais ameazas para a supervivencia, a saúde o crecemento de millóns de menores, así como para o progreso dos seus países. 

A colaboración da CRTVG con Unicef está recollida na propia web da organización.

 

*Na foto superior, a actriz Lucía Regueiro, fortemente implicada coa quinta "Semana da Infancia", que desenvolven a CRTVG e Unicef.

*IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 2€ ÍNTEGROS PARA UNICEF. Servizo para recadación de fondos en campaña solidaria. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Yoigo e Euskaltel. Operador titular: UNICEF Comité Español, rúa Mauricio Legendre, 36. 28046 Madrid. N.atn.clte 902228028. sms@unicef.es Información legal e protección de datos: www.unicef.es.