CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A xornalista da TVG María Solar, nomeada Amiga de UNICEF

12/09/2023

A entidade das Nacións Unidas recoñece así a súa sensibilidade, compromiso e implicación cos dereitos da infancia

Xornalista e escritora, a coordinadora da Área de Cultura da Corporación é un dos rostros máis coñecidos da Televisión de Galicia

A xornalista da TVG María Solar, nomeada Amiga de UNICEF

Santiago, 20.09.2023.-    A xornalista e escritora María Solar, coordinadora de Cultura da CRTVG, foi nomeada este martes Amiga de UNICEF Comité Galicia pola súa especial sensibilidade cos dereitos da infancia, compromiso e implicación coa entidade. O acto, en que participaron a presidenta de UNICEF Galicia Myriam Garabito e a coordinadora do Comité Galicia de UNICEF Irene Marín, tivo lugar en Santiago e nel Solar amosou o seu agradecemento “polo cariño e a xenerosidade do Comité Galicia de UNICEF que fan tan extraordinario e anónimo traballo pola infancia en Galicia e no mundo”.

Como firme defensora dos dereitos da infancia, Solar promove cada ano o dereito á participación dos nenos durante a celebración da Semana coa Infancia que a CRTVG desenvolve en apoio a UNICEF. Como se lembrou durante o acto de nomeamento, a xornalista apoia a actividade da organización desde hai anos: en 2022 moderou a mesa redonda O impacto da tecnoloxía na adolescencia en Galicia, organizada por UNICEF. En 2021 participou no libro UNICEF. 75 años defendiendo los derechos de la infancia, e en 2020 implicouse como coautora de Contaxio, conto impulsado por UNICEF Comité Galicia e a tamén Amiga de UNICEF e actriz Lucía Regueiro, que fomenta hábitos saudables, a cultura e a educación de nenos e adolescentes en tempos da COVID-19.

María Solar é un dos rostros máis coñecidos da TVG e unha das escritoras máis premiadas do panorama galego actual. Comezou a súa andadura hai máis de 25 anos na Radio Galega e na TVG, onde dirixiu e presentou programas de todos os xéneros, incluído Zigzag, o buque insignia da programación cultural da canle e do que foi membro fundador. A súa obra literaria, en galego, comprende os xéneros infantil, xuvenil e adulto e foi traducida xa a linguas como castelán, catalán, polaco, portugués, italiano ou chinés.