CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A web da CRTVG achégalles aos estudantes o bloque educativo da G2 en emisión simultánea

23/03/2020

A Corporación favorece así a accesibilidade a estes espazos educativos desde calquera soporte, entre as 11:00 e as 13:00 horas

A CRTVG, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, puxo en marcha esta  iniciativa, na G2 desde o luns, para facilitar un complemento educativo aos contidos que os alumnos reciben dos centros de ensino 

A web da CRTVG achégalles aos estudantes o bloque educativo da G2 en emisión simultánea

Santiago, 23.03.2020.-    A web da CRTVG súmase, desde este martes, á emisión do bloque educativo que está ofrecendo a segunda canle da Galega como apoio aos estudantes galegos, mentres os centros escolares permanecen pechados atendendo as restricións para loitar contra o coronavirus. En emisión simultánea coa G2, de luns a venres e entre as 11:00 e as 13:00 horas, os usuarios da páxina web poderán seguir estes contidos desde calquera soporte.

En colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, esta iniciativa, posta en marcha pola G2 este luns, facilita unha variada oferta de programas en áreas tan diversas coma a xeoloxía, a historia, a experimentación ou o mundo animal, e irase ampliando con achegas do sistema educativo galego.

Deste xeito, pola web da CRTVG poderanse seguir inicialmente, entre outras, as propostas educativas do programa Xeoclip, dos espazos de divulgación científica Aquelando tamén quedamos na casa e Aquelando, e as curiosidades do mundo animal que achega Criaturas.