CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'A voltas coa música', un divertido xiro aos concursos musicais, chega hoxe á TVG con Luis Piedrahita á fronte

26/10/2020

Cinco concursantes deberán superar diferentes probas relacionadas coa música, mentres dan voltas sobre si mesmos nun disco que non para de xirar

'A voltas coa música', un divertido xiro aos concursos musicais, chega hoxe á TVG con Luis Piedrahita á fronte

Santiago, 26.10.2020.-   Esta noite estréase na Galega ‘A voltas coa música’ (22.30 h), un orixinal e singular concurso musical que, con diversión, desenfado e dinamismo, fará xogar a toda a familia. O cómico coruñés Luis Piedrahita, moi coñecido polos espectadores galegos polas súas continuas intervencións artísticas en medios de comunicación, será o encargado de capitanear este ‘gameshow’ co seu característico humor e axilidade mental. O dinamismo será tamén unha das condicións ás que deberán facer fronte, en cada edición, os cinco concursantes que terán que superar variadas probas relacionadas coa música para facerse cun bote de ata 12.000 euros.

Os xogadores competirán entre eles para amosar os seus coñecementos musicais mentres dan voltas sobre si mesmos nun disco que non para de xirar. Homes e mulleres, uns máis novos e outros con máis experiencia, terán que enfrontarse a cinco probas, coa música e os seus coñecementos como protagonistas. En cada programa, un artista convidado axudará os concursantes, en todo momento, e deleitará o público con algún dos seus éxitos.

Cancións con pista, Tenche que soar, Segue a letra, Retrouso e Gueropa! son as probas que deberán superar para chegar á gran final. Só pasarán dous deles, que se enfrontarán entre si en Chegou a melodía co obxectivo de facerse cos cartos acumulados durante as probas. O gañador levará como premio, ademais, o seu vinilo.

Pero a festa non remata aquí, quen gañe o concurso poderá decidir xogar ao Chimpún Final, onde terá que acertar para dobrar os cartos acumulados ou quedar na metade se erra a última pregunta musical.

Preguntas, probas, retrousos, decibelios e reviravoltas conforman un divertido espectáculo en que cantar, rir e xirar. Música, troula e moita festa, nesta nova aposta para o ‘prime time’ dos luns.