CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A tvG2 ofrece hoxe mércores desde Bruxelas, en galego, un debate a seis cos candidatos a presidir a Comisión Europea

14/05/2019

A canle pública transmite, ás 21.00 horas, este debate organizado polo Parlamento Europeo, nunha produción apoiada por tres tradutores simultáneos a galego

A tvG2 ofrece hoxe mércores desde Bruxelas, en galego, un debate a seis cos candidatos a presidir a Comisión Europea

Santiago, 14.05.2019.-  Coa vista posta nos comicios do 26 de maio, a Televisión de Galicia ofrece este mércores, ás 21.00 horas, pola súa segunda canle o único debate entre os seis candidatos a presidir a Comisión Europea, de acordo co Plan de cobertura electoral. O hemiciclo do Parlamento Europeo en Bruxelas converterase nun gran estudio de televisión, en que durante 90 minutos se debaterán as principais propostas das formacións que aspiran a dirixir a Eurocámara os próximos cinco anos. Para a súa transmisión, a canle pública contará con tres tradutores simultáneos a galego, de francés, inglés e alemán.

Neste debate intervirán o francés Nico Cué (Partido da Esquerda Europea), a alemá Ska Keller (Partido Verde Europeo), o checo Jan Zahradil (Alianza de Conservadores e Reformistas de Europa), a danesa Margrethe Vestager (Alianza dos Liberais e Demócratas por Europa), o alemán Manfred Weber (Partido Popular Europeo) e o holandés Frans Timmermans (Partido Socialista Europeo).

Moderado polo xornalista alemán Markus Preiss, a francesa Tran Nguyen e a finlandesa Annastiina Heikkilä, o debate estruturarase en tres grandes bloques temáticos: A miña Europa: que me ofrece?, Medio Natural e Os nosos valores e o mundo. Cada candidato fará unha breve presentación inicial, tras a que terá un máximo dun minuto para contestar cada pregunta e comentar a resposta dos outros candidatos. Cada un deles contará, amais, con dúas posibilidades de rebater ao longo do debate e para as que disporán de 30 segundos.