CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A tvG2 estrea "Memoria do Nacionalismo Galego", un percorrido por 170 anos de historia de Galicia

24/06/2011

O documental, que reúne por primeira vez nunha obra única os principais historiadores e protagonistas, está dividido en dúas partes, a de hoxe e a do próximo 1 de xullo

A tvG2 estrea "Memoria do Nacionalismo Galego", un percorrido por 170 anos de historia de Galicia

Santiago, 24.6.2011.- A Galega ofrece hoxe, pola tvG2, a estrea do documental "Memoria do nacionalismo galego", que representa un percorrido polos 170 últimos anos de historia política, social e cultural de Galicia, a través das persoas e das organizacións políticas que crearon o nacionalismo galego, documentado e realizado desde unha perspectiva plural por algunhas das principais experiencias e ideas que axudaron a conformar o concepto de nación galega.

O documental, producido pola Fundación Galiza Sempre e IB Cinema durante os anos 2007 e 2009, baixo a dirección de Xabier Macías, Comba Campoy e Xosé Zapata, conta co asesoramento histórico de Xusto Beramendi, para narrar os fitos principais do nacionalismo galego, desde o Rexionalismo e o Rexurdimento do século XIX ata as Irmandades da Fala e a Xeración Nós; desde o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda co Estatuto do ano 1936 ata a actualidade e desde a Transición Democrática ata o pasado recente.

Trinta horas de gravación e 27 persoeiros entrevistados

A pluralidade de puntos de vista recollidos nunha única obra é un dos méritos do documental, que reúne por primeira vez os máis destacados especialistas e protagonistas na traxectoria do nacionalismo galego, desde mediados do século XIX ata os nosos días. O traballo, de 103 minutos, baséase fundamentalmente nos testemuños das vinte e sete persoas entrevistadas, directamente relacionadas co galeguismo político, como historiadores, teóricos, sindicalistas, políticos e intelectuais. Divulgar a recente historia socio política do país en relación ao nacionalismo e as súas achegas á democracia e ás liberdades forma parte dos obxectivos do documental.

A primeira parte da produción, que se emite hoxe, arranca no século XIX, co provincialismo, fusilamentos de Carral (1846), o Rexurdimento e o Rexionalismo, Irmandades da Fala (1916), Xeracións Nós, a oposición á Ditura de Primo de Rivera, a II República, o Partido Galeguista, o nacionalismo perseguido e no exilio, entre outros acontecementos, e remata coa morte de Castelao e a fundación da editorial Galaxia en 1950.

Nas máis de trinta horas de gravación que atesoura o documental, interveñen persoeiros como Xosé Manuel Beiras, F. Fernández del Riego, Camilo Nogueira, Margarita Ledo, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Pilar García Negro, X.L. Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Lidia Senra, Francisco Rodríguez, Anxo Quintana, Antón Moreda, Encarna Otero, Xosé Ramón Barreiro e Xusto Beramendi.

Equipo técnico:

  • Produción: Fundación Galiza Sempre e IB Cinema (2007/2009)
  • Dirección: Xabier Macías, Comba Campoy, Xosé Zapata
  • Guión: Comba Campoy e Xabier Macías
  • Asesoramento histórico: Xusto Beramendi
  • Música: Piti Sanz e Anxo Graña