CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG viaxará por toda España para contar historias con "ADN Galego"

12/09/2017

Os protagonistas deste novo programa para as noites dos martes serán galegos e galegas que traballan e desenvolven a súa vida noutros lugares do país

Na primeira entrega (22.45 h.), realizarase un percorrido pola baía de Cádiz, para descubrir tamén a pegada que outros paisanos deixaron alí ao longo da historia

A TVG viaxará por toda España para contar historias con "ADN Galego"

Santiago, 12.09.2017.-   Madrid, Sevilla, Valencia, Santander, Cádiz… Estes son algúns dos lugares aos que viaxará o programa “ADN Galego”, o novo formato da Televisión de Galicia para as noites dos martes, un programa que irá na busca da pegada de Galicia e dos galegos no resto de España.
 
O espazo, producido para a TVG por Portocabo, viaxará por todo o territorio español para contar as historias dos galegos e galegas que traballan e desenvolven a súa vida noutros lugares. En cada destino, “ADN Galego” coñecerá os lugares que máis paga a pena visitar e saberá dos costumes e da gastronomía da zona, dos traballos e do ocio propios do lugar e de aspectos que os turistas van buscando ou lles pasan desapercibidos.

Os protagonistas serán homes e mulleres, novos e vellos, xente anónima e de sona, urbanos e rurais, expertos no lugar e acabados de chegar. Da súa man, o equipo do programa irá aos sitios máis auténticos e fará o que é máis propio do lugar, mentres vai sabendo da súa vida, do seu traballo, da súa familia, do que os levou alí, do que os fixo quedar, do que a súa nova terra lles deu e do que eles lles achegaron desde Galicia. Os espectadores verán o territorio cos seus ollos, tan distintos aos do turista ou o viaxeiro ocasional.

“ADN Galego” buscará tamén en cada programa contar a pegada histórica que deixaron os galegos nos seus lugares de acollida e a repercusión social que tiveron ao longo dos anos.

Neste novo programa, os espectadores coñecerán casos de galegos que desenvolven proxectos ou ideas excepcionais. É o caso de Martín López Corredoira, un dos astrofísicos máis importantes de España, que leva anos vivindo en Tenerife; Ramón Queiro, recoñecido arquitecto na cidade de Sevilla debido ao seu traballo nas rehabilitacións de edificios históricos, e Carlos Pérez, alias “Perucho”, piragüista campión olímpico que agora se adestra no encoro de Trasona, moi cerca de Xixón. Ademais destes casos famosos, “ADN Galego” tamén amosará historias singulares coma a de Luís, un dos últimos limpabotas de Madrid no Hotel Palace, ou Andrés, un adestrador de golfiños en Valencia.

Nesta primeira entrega, o programa realizará un percorrido pola baía de Cádiz, a case dez horas en coche de Galicia, centrándose en Rota, no Puerto de Santa María, Puerto Real, San Fernando e Cádiz capital, para buscar historias con “ADN Galego”.

O programa amosará as numerosas pegadas dos galegos en Cádiz. O fundador, en 1830, das famosas bodegas Caballero, era un galego: Don José Cabaleiro do Lago, que chegou ás terras do sur para expandir o negocio de madeira de carballo que tiña en Galicia. Desde comezos do século pasado tamén chegou moita xente do mar galego á costa gaditana. De feito, de 16 armadores que había en 1920 en Cádiz, 15 eran galegos.

Nesta edición de “ADN Galego”, os espectadores poderán coñecer diferentes historias: a de Alejandra, unha galega taberneira e moteira; Pedro, descendente de galegos, investigador e autor do libro “Soltando Amarras”; Manuel “El Galleguito”, unhas das mellores voces do Carnaval de Cádiz; José Manuel, brigada da base naval de Rota; Marga, a xefa de urxencias do Hospital Carlos I de San Fernando; Luís, descendente do fundador galego das bodegas Caballero; Faustino, un profesor de Vigo que ocupa a única cátedra de flamencoloxía que existe no mundo; Gaspar, patrón de barco xubilado; Maica e María, nai e filla, propietarias dunha óptica na praia de Valdelagrana, no Puerto de Santa María, e Miguel e Daniel, encargados da empresa Electrorayma nos estaleiros de Navantia en Puerto Real.