CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG viaxa con 'A noite de Roberto Vilar' polos mellores momentos do popular presentador, desde os seus inicios

03/12/2018

O especial realizará un percorrido polas súas múltiples facianas como actor e profesional da televisión ata chegar á faceta máis persoal coa súa familia

A TVG viaxa con 'A noite de Roberto Vilar' polos mellores momentos do popular presentador, desde os seus inicios

Santiago, 03.12.2018.-  Televisión de Galicia descubrirá esta noite a faceta persoal e profesional do versátil Roberto Vilar, un dos presentadores máis queridos e seguidos por todo o público galego. Desde os primeiros momentos televisivos ata a actualidade, en 'A noite de Roberto Vilar' (22.05 h.) poderase coñecer como comezou o humorista no mundo da televisión, onde conta cunha lexión de seguidores.

As súas orixes remóntanse a San Cristovo, unha pequena aldea da mariña lucense no concello de Xove; mentres que, os seus primeiros pasos na súa vida profesional levárono a traballar nunha produtora, detrás das cámaras. O programa 'Sitio distinto', en 1991, supuxo o seu salto á televisión, aínda que como concursante. Pouco a pouco foise facendo un oco como colaborador e se estreou facendo cámaras ocultas e, posteriormente, interveu como actor en series da TVG, como 'Pequeno Hotel' e 'Pratos combinados'.

O éxito viríalle, despois de coñecer a Víctor Fábregas, coa creación do dúo dos Tonechos no 'Luar' e, tras isto, xa en solitario, esta aceptación e popularidade creceu aínda máis ao poñerse á fronte de 'Land Rober'. Tras unha parada de varios anos na canle pública galega, Roberto Vilar volveu ás nosas pantallas cunha nova etapa para este espazo de humor e entrevistas co título de 'Land Rober Tunai Show'.

Os espectadores poderán coñecer en 'A noite de Roberto Vilar' tamén a súa faceta máis persoal, descubrindo o amor que sente pola súa familia, sobre todo, pola súa muller, María Garrido, a súa filla María e os seus pais.