CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG transmite a entrega das Medallas do Parlamento de Galicia, que recoñece os integrantes da Xeración Nós

05/04/2021

Recibirán o galardón as fundacións Otero Pedrayo, Castelao, Antón Losada Diéguez e Vicente Risco, que dan continuidade á memoria das personalidades que a integraron

O acto, que se poderá seguir en lingua de signos pola TVG, estará presentado pola xornalista da Galega Raquel Domínguez

A Radio Galega tamén emitirá en directo o evento

A CRTVG transmite a entrega das Medallas do Parlamento de Galicia, que recoñece os integrantes da Xeración Nós

Santiago, 05.04.2021.-  Televisión de Galicia retransmite mañá, en directo (11.55 h.), desde o Pazo do Hórreo a entrega das Medallas do Parlamento de Galicia, concedidas este ano ao conxunto dos integrantes da Xeración Nós e aos seus discípulos, personificado nas catro únicas fundacións que perpetúan a memoria e o labor dos seus persoeiros constituíntes. Precisamente, en 2020, cuxa edición das Medallas se suspendeu pola covid-19 e debido a que o Parlamento estaba disolvido, fixo 100 anos da publicación do primeiro número da revista ‘Nós’. O acto, que se poderá seguir en lingua de signos, estará presentado pola xornalista da TVG Raquel Domínguez e contará cos comentarios de Xesús Fontenla para os espectadores da canle pública galega. A Radio Galega tamén ofrecerá este evento en directo.

A Mesa da Cámara acordou conceder o galardón ao legado do grupo de intelectuais galeguistas, que se considera “semente” da autonomía política galega. Entre 1920 e 1936, a revista ‘Nós’ foi sostida por un grupo de intelectuais liderados por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso Rodríguez Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo. Este círculo foise ampliando ata conformar un conxunto máis heteroxéneo de colaboradores, que chegou a preto de 200 figuras nas súas diferentes etapas.

Os representantes das fundacións galardoadas que recollerán a Medalla do Parlamento de Galicia son: Juan Luis Saco, en representación da Fundación Otero Pedrayo; Carlos Mella, da Castelao; Ana Patricia Torres, da Antón Losada Diéguez, e Celia Pereiro, da Vicente Risco. O acto, en que participan o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contará tamén coas intervencións musicais da artista galega Susana Seivane.
         
As medallas entréganse mañá 6 de abril, coincidindo coa data de promulgación do Estatuto de Autonomía, que este ano conmemora o seu 40 aniversario. Na primeira edición, en 2016, os galardoados foron os seis expresidentes da cámara galega; ao ano seguinte déronselle aos integrantes da chamada Comisión dos 16, representantes dos partidos que participaron na elaboración do primeiro borrador do Estatuto en 1979; en 2018 foron concedidas a entidades benéficas como Cáritas Diocesanas Galegas, Aldeas Infantiles e COGAMI, e finalmente en 2019 recaeu na Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas como representantes da emigración galega.