CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG recupera a voz de Carlos Casares na programación especial polas Letras Galegas

12/05/2017

Un ciclo de documentais e un especial 'ZigZag. Letras Galegas' profundarán na súa obra e biografía o martes e o mércores

A Radio Galega emitirá dous monográficos do 'Diario cultural' e a web dedica unha canle temática a efeméride

Santiago, 11.05.2017.- Os medios públicos súmanse á celebración das Letras Galegas cunha programación especial sobre o escritor ourensán Carlos Casares, homenaxeado este ano. As diversas pezas documentais, entrevistas e faladoiro que se emitirán desde o domingo ata o 17 de maio repasarán a súa produción literaria e a súa labor editorial, e trazarán tamén o seu perfil humano.

Membro da Real Academia Galega, director da Editorial Galaxia e presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares (1941-2002) converteuse nunha voz imprescindible da cultura galega no último terzo do século pasado. As súas intervencións nos medios públicos deron lugar a un extenso arquivo que agora a TVG recupera para renderlle homenaxe. Desde o pasado martes, a canle emite microespazos con imaxes e declaracións do novelista. Na mesma liña, 'Cada día un libro' recolle desde o pasado luns recensións das súas obras e doutras publicacións arredor da súa produción literaria.  

Por outra banda, o equipo de 'Vivir Aquí' artellou con este material de arquivo un programa especial que se emitirá o domingo a partir das 15.30 h. e no que as lembranzas e anécdotas contadas polo propio Carlos Casares van construíndo un relato autobiográfico, centrado no seu perfil humano. O mércores 17, despois do "Telexornal Mediodía", a TVG emitirá un especial 'ZigZag. Letras Galegas', cunha entrevista ao fillo do escritor, Cristian Casares. A partir das 19.15 h.,  programa de actualidade 'Área pública' saltará o festivo, e organizará un faladoiro arredor das Letras Galegas.

Un ciclo de documentais de homenaxe na tvG2

A segunda canle concentrará no martes e o mércores o groso da programación dedicada a Carlos Casares. Na véspera do día das Letras Galegas, emitirá os documentais 'Premios da Crítica', que repasa os corenta anos dende a creación destes galardóns que recoñeceron ao autor en varias ocasións, e 'Pegadas na Memoria. Carlos Casares'. A continuación, ofrecerá a ficción 'Outro Verán', de Adrián Castiñeiras, baseada nun dos relatos breves de 'Vento Ferido'.
    
O mércores, a tvG2 emitirá o especial 'ZigZag. Letras Galegas' ás 21.00 h.  O programa cultural dará paso a dúas pezas documentais que profundan noutras facetas do autor. O primeiro deles, 'Por Amor á Arte', expón unha das súas inquedanzas intelectuais, a identificación de Galicia cunha cultura urbana.  Despois, 'Camiños de Ferro' relata as anécdotas e situacións vividas polo autor nos trens, onde coñeceu a súa muller.

Edicións monográficas de 'Diario Cultural', na Radio Galega

Ademais de emitir desde comezos de maio microespazos en que persoeiros do mundo da cultura, a política ou a empresa recitan textos do autor ourensán, o martes e o mércores a Radio Galega ofrecerá dous monográficos de 'Diario Cultural' en que se analizará polo miúdo a obra do escritor, que abarca desde novelas como 'Ilustrísima' ata clásicos da literatura infantil en galego como 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas'.  Nestas dúas edicións, o espazo dirixido por Ana Romaní dará voz a máis de vinte especialistas na obra de Casares.

O día das Letras Galegas, o matinal 'Galicia por Diante' organiza un faladoiro con parlamentarios que compatiron o escano da cámara galega co autor, deputado do PSdeG-PSOE por Ourense entre 1982 e 1985.  Durante esta etapa, Casares participou nos debates e redacción da primeira Lei de Normalización Linguística.

Unha canle temática na web da CRTVG

 O compendio de contidos sobre Carlos Casares dos medios públicos complétase coa web, que dedicada unha canle temática ás Letras Galegas 2017. Nela, os usuarios poden acceder a unha recompilación dos vídeos relacionados coa celebración das letras e co autor ourensán producidos nas últimas datas polos medios públicos galegos. O arquivo en liña "Pasou o que pasou" ofrece un monográfico do autor con vídeos que recollen a súa faceta de escritor e xornalista, a súa etapa á fronte da editorial Galaxia ou a súa relación con Ernest Hemingway.