CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG produce unha serie de misterio ambientada nos anos 50 e que se centra na vida dunha costureira

05/06/2016

'Dalia, a modista' está dirixida por Giselle Llanio, responsable de proxectos de tanto éxito coma 'Pazo de Familia' ou 'Libro de Familia' e conta co guionista de 'Gran Hotel' e 'Bajo sospecha', Eligio Montero

A TVG produce unha serie de misterio ambientada nos anos 50 e que se centra na vida dunha costureira

Santiago, 05.06.2016.-    'Dalia, a modista' é unha nova miniserie da Televisión de Galicia, que se atopa en fase de gravación e que a canle pública ten previsto emitir en outubro de cara á nova temporada. Esta serie de TVG, realizada pola produtora CTV, consta de catro capítulos e artéllase arredor dunha trama de misterio, amor e superación, ambientada nos anos 50.

A nova produción da Televisión de Galicia conta a historia de Dalia, unha moza modista que chega a Prescedo, coa súa máquina de coser Singer, na procura de respostas sobre o suicidio da súa nai. Alí, descubrirá a dobre vida que levaba a falecida e atoparase cunha vila chea de segredos, onde loitará por facer realidade os seus soños de modista.

A serie está dirixida por Giselle Llanio, responsable de exitosas series como 'Libro de familia' e 'Pazo de familia', tamén emitidas na TVG.

O elenco está composto por unha longa lista de actores noveis e consagrados, moitos deles rostros habituais da TVG como María Mera, que participou en series como 'Matalobos' o 'O Faro'; Manuel Sanmartín, quen deu vida ao famoso Manuel Cabanas de 'Libro de Familia'; Luísa Merelas, quen protagonizou 'Matalobos' e 'O Faro'; Susana Sampedro, que deu vida a Erea en 'O Faro', ou Fernando González, quen fora un dos protagonistas da serie 'Chapa e Pintura'. Tamén forman parte do equipo de actores e actrices Cristina Collazo, David Seijo, María Sánchez e Rebeca Stones.

A serie conta con Concha Fontenla como responsable de produción e con Eligio Montero, guionista de series como 'Bajo sospecha' ou 'Gran Hotel'. Ademais, a firma galega Nubbe Clothes será a responsable do vestiario co que se recrearán os anos 50, e o compositor Julio Montero encargarase de crear a ambientación musical da serie.

A gravación da miniserie, que se levou a cabo, entre outras localizacións, no pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, e nos concellos de Noia e Vedra, rematou a semana pasada.