CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG presenta este venres 'Quen anda aí?', o seu novo magazine diario, que se estrea o 27 de xaneiro

23/01/2020

A Galega renova as súas tardes cun espazo divertido e participativo presentado por Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez, que contarán coa colaboración das reporteiras Rocío Barrio e Patricia Santana e do locutor da RG Marcial Mouzo

A TVG presenta este venres 'Quen anda aí?', o seu novo magazine diario, que se estrea o 27 de xaneiro

Santiago, 23.01.2020.-    A TVG presenta este venres no estudio Tex 45 de Ordes o programa ‘Quen anda aí?’, un novo formato para as tardes, que, presentado por Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez, achegará desde o vindeiro luns tres horas de directo, de conversas coa audiencia e de resposta ás cuestións que máis lles preocupan aos espectadores/as.

Nesta nova aposta da Galega para as tardes de luns a venres participarán tamén dúas profesionais moi coñecidas pola audiencia da TVG, Rocío Barrio e Patricia Santana, que serán as encargadas de conectar en directo desde distintos lugares da xeografía galega, e tamén o locutor da Radio Galega Marcial Mouzo, que unha vez por semana trasladará ao estudio o espírito do seu coñecido espazo radiofónico ‘Pensando en Ti’.

Producido por Veralia e Tex 45, ‘Quen anda aí?’ será unha porta aberta a todas as persoas que teñan algo que contar e compartir, amosando con historias cotiás coas que se identificarán os espectadores desde as súas casas.