CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG presenta desde hoxe en 'Feito con cabeza' o talento creativo dos galegos a través dos seus inventos

12/04/2019

Personaxes anónimos e profesionais amosarán as súas innovadoras ideas e narrarán as súas propias historias, en que se combina innovación e tecnoloxía

A TVG presenta desde hoxe en 'Feito con cabeza' o talento creativo dos galegos a través dos seus inventos

Santiago, 13.04.2019.- Televisión de Galicia pon en valor desde hoxe o talento das mentes creativas galegas, tanto anónimas coma recoñecidas, a través do novo espazo 'Feito con cabeza'. Cun formato de docu-reallity e dirixido por Carlos A. Quirós, en cada entrega entrelázanse tres historias diferentes, en que os protagonistas narrarán as súas propias historias, que mesturan a tecnoloxía de empresas punteiras na innovación cos inventos máis cotiáns, feitos por creadores non profesionais para dar resposta a situacións domésticas.

E é que Galicia é terra de lendas e de meigas, pero tamén de inventores. Desde un precursor fisterrá, Alexandre Campos, que en plena guerra civil creou o futbolín, pasando polo estradense Ramón Verea, que patentou a calculadora, ou á mestra ferrolá Ángela Ruiz Robles, que ideou en 1949 un libro predecesor das tabletas electrónicas actuais, ata o biólogo coruñés Antonio Vilar que, en 2009, inventou un aparello para ensinar os nenos a dar os seus primeiros pasos, ‘Feito con Cabeza’ dará a coñecer as persoas que destacan polas súas innovadoras ideas. Só durante o ano pasado, os galegos rexistraron máis de 200 patentes.  

En 'Feito con cabeza', cada protagonista, profesional e anónimo, falará do seu invento máis destacado, de como xurdiu a necesidade de idealo e do proceso creativo, amais de presentar algún prototipo e de explicar como o sacaron adiante. O programa terá tamén un apartado histórico, en que se coñecerá como se levou a cabo algún grande invento realizado por galegos.

Hoxe son protagonistas os inventores Xulio, Vicente e Angelita

Na súa estrea, 'Feito con cabeza' visita Vigo e a Xulio, un enxeñeiro electrónico. Xulio leva anos fabricando básculas que pesan moitos obxectos. Tanto obxectos coma mortos ou incluso alcaldes...

Por outra banda, entrarase na casa de Vicente, en Mougás, montador de feiras xubilado que constrúe aparatos para mellorar o día a día. Vicente tamén ten tempo para axudar os veciños. Pastor e a súa porca Pepa sábeno ben.

A inventora histórica de hoxe inspirou a Steve Jobs. Mestra en Ferrol, dona Angelita desenvolveu a mediados do século XX un precursor do libro electrónico e das actuais tabletas: a enciclopedia mecánica.

Verase se os inventos de Xulio, Vicente e Angelita cumpren o que prometen e se cumpren cun denominador común: ser feitos con moi boa cabeza.