CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG pasará este luns '24 horas con Benedicta' para coñecer de preto a nova revelación do cinema galego

13/01/2020

Candidata aos Premios Goya con 84 anos, amosará o seu día a día no Corgo, lembrará os seus anos de emigración no Brasil, explicará como lle está a cambiar a vida despois da súa participación en ‘O que arde’ e recibirá unha gran sorpresa

A TVG pasará este luns '24 horas con Benedicta' para coñecer de preto a nova revelación do cinema galego

Santiago, 13.01.2019.-     O nome de Benedicta Sánchez deu a volta ao mundo tras o seu paso polo Festival de Cine de Cannes. Con 84 anos, o seu papel na película de Oliver Laxe ‘O que arde’ valeulle xa unha candidatura aos Premios Goya 2020 como actriz revelación, o seu paso polo ‘Luar’ introduciuna de cheo nas casas dos telespectadores da Televisión de Galicia e a súa intervención nas badaladas da última noite de 2019 acabou por namorar a audiencia.

Decenas de medios de comunicación fixéronse eco da vida de Benedicta Sánchez, pero quen é realmente esta lucense que emigrou nos anos 60 ao Brasil, onde gañou a vida como fotógrafa? Quen son a súa familia, amigos e achegados? Para coñecer de preto o contexto do novo fenómeno do cinema galego, a Televisión de Galicia pasará hoxe un día enteiro coa que sen dúbida será o centro de atención na vindeira gala dos Premios Goya.

A aventureira presentadora Olaya Rivas viaxará ata O Corgo, ata a estrada que une Lugo a Sarria, para saber cal é a rutina de Benedicta Sánchez, famosa por pasar o día cavando e traballando na súa horta e polo seu enorme gusto pola vida no rural e a tranquilidade de vivir sen depender de ninguén. ‘24 horas con Benedicta’ (22.35 h) coñecerá algúns dos seus veciños e veciñas máis próximos en Manán de San Cosme e tamén visitará da súa man as aldeas onde naceron o seu pai e a súa nai.

Mentres realiza este percorrido e coñece as xentes que acompañan cada día a Benedicta Sánchez, o programa lembrará o seu paso polas badaladas desde unha ateigada praza do Obradoiro e saberá como lle está a cambiar a vida, coñecendo as impresións dos que xa a coñecían antes de ser famosa.

Despois de coñecer as súas orixes e contorna, o especial da TVG dirixirase ata o seu lugar favorito, no paseo fluvial do río Chamoso, onde lle ten preparada unha gran sorpresa, en que intervirán persoas moi próximas a ela e á película ‘O que arde’, que falarán da personalidade da protagonista, da que din que o seu papel na gran pantalla e actitude na vida cotiá son moi similares. Co gallo da súa candidatura aos Premios Goya, os espectadores saberán se coñece as outras actrices propostas, se xa sabe como vai vestir e cales son as súas expectativas.

Desde O Corgo, o programa fará unha pequena viaxe para visitar con ela a súa filla e netos, que viven moi preto da súa casa, en Lugo, e que foron parte fundamental á hora de levar a Benedicta ao casting de ‘O Que arde’. Nesta casa, os espectadores poderemos curiosear nas lembranzas que gardan de anos na emigración, nun tempo en que Benedicta traballou en moitos lugares, pero cuxa parte máis feliz é sen dúbida a etapa en que puido gañarse a vida como fotógrafa.

Daqueles anos no Río de Xaneiro garda moitos e moi bos recordos, e tamén fotografías, que amosará a súa filla, ‘culpable’ tamén de que Benedicta, quen sempre tivo moita enerxía e capacidade para emocionar e facer rir, comezase a actuar no grupo amateur de teatro Os Trocos, co que sigue traballando e incluso realizando sesións de improvisación. Neste día con Benedicta, a TVG non perderá a oportunidade de asistir a un ensaio real da obra que están a preparar.

A xornada rematará de noite, volvendo con Benedicta á súa casa, onde o equipo do programa se despedirá dunha muller que ama á súa terra, que ten mil historias que contar do seu paso polo continente americano e que, sen dúbida, pasará á historia non só como a muller de máis idade xamais nomeada a actriz revelación dos Goya, senón coma un exemplo para todos e todas de que nunca é tarde para realizar os soños que semellan máis imposibles.