CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG ofrece integramente a miniserie 'Salgadura', unha historia de ambición, traizón e paixón, inspirada nos Massó

14/08/2017

Esta ficción de época achégase á vida dunha familia de pioneiros embarcados nunha das maiores aventuras industriais de Galicia

A TVG ofrece integramente a miniserie 'Salgadura', unha historia de ambición, traizón e paixón, inspirada nos Massó

Santiago, 14.08.2017.-  A Televisión de Galicia volve sorprender este luns á noite os espectadores coa emisión, de xeito íntegro, da 'Miniserie G' de éxito 'Salgadura' (22.00 horas), unha historia de época, coproducida pola TVG, que mestura ambición, traizóns, celos, amores non correspondidos, paixóns prohibidas e vinganzas.

Jesús Font dirixe esta coprodución galego-catalá, que narra a odisea dunha familia de pioneiros embarcados nunha das maiores aventuras industriais de Galicia e que conta no seu elenco con algúns dos mellores actores e actrices do panorama audiovisual galego, como Luís Iglesia, María Castro, Ricardo de Barreiro, Luís Zahera e Belén Constenla, entre outros.

A intención de 'Salgadura', unha miniserie histórica que parte do costumismo máis clásico para retratar un período tinguido de época, é captar a esencia dun tempo e dunha xente que se converteu no motor do cambio económico e social de Galicia.

'Salgadura', inspirada na historia real da familia Massó, arranca nunha época dura, descoñecida e apaixonante como foi o reinado de Fernando VII, durante o cal galegos e cataláns tiveron que aprender uns dos outros pola súa propia supervivencia, derrubando así moitos tópicos. En pleno réxime absolutista, un mozo rebelde catalán, Joan Roig, é enviado a Galicia para reflotar un negocio de salgadura de sardiña. O que podía durar un ano acabou sendo unha vida e significando o nacemento da industria conserveira.

A súa historia, a loita del e toda a súa familia por sobrevivir serán as bases desta epopea que se entretece de ambicións industriais, impulsadas por auténticos pioneiros, e de ambicións persoais. A historia familiar dos Roig, que loitarán ao longo de dúas xeracións por sacar adiante o negocio da salga en Galicia e todas as súas peripecias persoais son a base desta miniserie.