CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG ofrece en directo o Festival de Lorient, a través da súa páxina de Facebook

03/08/2018

Desde hoxe e ata o próximo domingo, poderanse seguir, de xeito íntegro, concertos deste importante certame cultural dos pobos de tradición celta

Entre a destacada representación galega, cómpre salientar a participación de Uxía, Rodrigo Romaní e Anxo Lorenzo, a quen poderá verse o martes ás 21.15 h.

A TVG ofrece en directo o Festival de Lorient, a través da súa páxina de Facebook

Santiago, 03.08.2018.-  O perfil de Facebook da Televisión de Galicia ofrece, en directo, desde hoxe ata o 12 de agosto, de xeito íntegro, concertos e actuacións que se van vivir durante o Festival Intercéltico de Lorient, a máis importante cita cultural entre os pobos de tradición celta.

As actuacións que se celebren na sala de concertos 'Quai de la Bretagne' ofreceranse en colaboración coa televisión pública France 3 Bretagne a través do Facebook Live da TVG, cada día, desde as 20.15 horas ata a 1 da madrugada. Polo escenario pasarán bandas bretonas con outras convidadas dos territorios celtas, estando prevista a actuación do gaiteiro galego Anxo Lorenzo o martes 7, ás 21.15 horas.

A TVG faise eco deste certame dentro da alianza que mantén coas televisións do Celtic Media Festival, que promove a cultura e a lingua dos países celtas en cine, televisión, radio e novos medios, e como membro da asociación das televisións públicas rexionais, denominada Circom.

Dentro da destacada delegación galega, formada por máis de 130 músicos, cómpre salientar, como pratos fortes, as actuacións da cantante Uxía (xoves 9), que presentará o seu último disco 'Uxía-o'; do músico Rodrigo Romaní (sábado 11), que estará acompañado pola tamén arpista Beatriz Martínez e pola percusionista Xulia Feixóo, e a mencionada de Anxo Lorenzo, premiado solista e compositor moañés.

No Festival Intercéltico de Lorient, músicos, bandas de gaitas e agrupacións de bailes tradicionais reúnense na Bretaña para facer homenaxe as súas tradicions, cultura e sons, desde Cornualles, Gales, illa de Man, Irlanda, Escocia, Bretaña, pasando por Galicia e Asturias e coas últimas incorporacións desde os Estados Unidos, Australia, A Arxentina e mesmo México.

O enderezo da páxina de Facebook da TVG é https://www.facebook.com/televisiondegalicia