CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG lidera o 'prime time' e faise con catro dos cinco programas máis vistos do día en Galicia

10/08/2017

O programa 'Casamos' acadou un 17,5% de share, sendo a emisión de entretemento con máis audiencia na comunidade galega

A canle pública acadou unha cota media do 14% e o 'Telexornal Mediodía' e o 'Galicia Noticias' foron os informativos máis seguidos do día


Santiago, 10.08.2017.-   A Televisión de Galicia fíxose co liderado no 'prime time' este mércores 9 de agosto, tanto entre todas as canles que se puideron ver en Galicia coma entre as autonómicas. Acadou unha cota media do 14%, superando a seguinte canle en Galicia en máis dun punto de cota.

No acumulado diario, a TVG acadou unha cota do 10,7%, liderando o conxunto de canles autonómicas e sendo segunda en Galicia, mantendo o liderado autonómico no que vai de ano, cunha cota media do 10,4%.

Cómpre salientar que a TVG se fixo onte día 9 con 4 dos 5 programas de maior audiencia de toda a oferta que se puido ver en Galicia. Destacan o 'Telexornal Mediodía', cunha cota de pantalla do 24,8%, e  'Casamos', cun 17,5% de share, que foi programa non informativo, ou de entretemento, máis visto de toda a oferta televisiva. Ademais, o 'Galicia Noticias Mediodía' fíxose cunha cota de pantalla do 29,6% e contou co minuto de ouro en Galicia, ás 14:16, cunha audiencia de máis de 200.000 galegos e cunha cota de pantalla superior ao 38%.