CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG, líder entre as canles autonómicas cunha cota media do 10,5% no que vai de ano

01/08/2017

En xullo, a canle pública conseguiu un 10,4% de share no conxunto do día e un 11,1% no 'prime time', medrando 7 décimas con respecto ao mesmo mes de 2016

Na faixa informativa do mediodía, Televisión de Galicia segue na primeira posición, cunha cota do 20,9% de luns a venres

 

Santiago, 01.08.2017.-  A Televisión de Galicia continúa un mes máis a ser líder de audiencia entre as canles autonómicas, acadando un 10,5% de cota media no que vai de ano. En xullo, a TVG consegue un 10,4% de share no conxunto do día e un 11,1% no prime time. Con respecto ao mesmo mes de hai un ano, a canle pública galega é a única das grandes canles que logra incrementar audiencia, medrando 7 décimas, o que implica un incremento do 7,1%.

Na faixa informativa do mediodía, a Televisión de Galicia mantense como líder cunha cota do 19,7%, aumentando a un 20,9% de luns a venres. Os programas informativos que máis medraron no mes foron o 'Bos Días' cun incremento de 4,2 puntos, 'Telexornal Serán Fin de Semana' que sumou 2,3 puntos, 'A Revista Fin de Semana' cun aumento dun punto, e 'Telexornal Noite' e 'Galicia Noticias' que medraron oito décimas cada un. No ranking dos 25 programas máis vistos en Galicia, a TVG acada a primeira posición con 15 emisións e conta con 9 dos programas máis vistos polo público de entre 25 e 44 anos, entre os que se atopan os catro con máis audiencia.

Por outra banda, no conxunto do día a canle pública galega destaca polas audiencias de venres a domingo con valores de 11,1%, 12,2% e 10,7% respectivamente, que incrementan no prime time cun 12,2% os venres, 12,9% os sábados e 11,7% os domingos.

Ademais, cabe salientar que a TVG actúa coma un dos principais motores da FORTA, superando a este grupo no conxunto do mes en 3,2 puntos de cota e no prime time á media das canles autonómicas en 3,4 puntos.