CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG foi líder absoluta de audiencia en Galicia durante os meses de abril e maio, segundo os últimos datos do EXM

05/07/2017

Acadou un 15,9% de cota de pantalla de luns a domingo e un 16,1% de luns a venres, o que a confirma como a canle autonómica máis vista

Con respecto á anterior onda, é a televisión que máis share logra sumar, ademais de anotar os mellores rexistros de audiencia nas franxas da mañá, a sobremesa e a noite

Santiago, 05.07.2017.-   A TVG acadou durante os meses de abril e maio o liderado absoluto de audiencia en Galicia. Segundo os datos da segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM), a canle pública galega rexistrou durante este período un 15,9% de cota de pantalla de luns a domingo, o que a confirma como líder entre as canles autonómicas.

A canle máis próxima no ámbito galego foi Antena 3, a unha distancia de 3,5 puntos. Entre as canles autonómicas, a que máis se achegou aos datos de audiencia da TVG foi ETB2, cunha cota de pantalla do 14,7%.

De luns a venres, a Televisión de Galicia tamén mantén o liderado, cun share aínda maior: un 16,1%. Por días da semana, os de maior cota son os mércores, cunha media do 19,8%. En canto ás franxas horarias, a canle autonómica acadou o liderado na de mañá, cunha cota do 17,4%; na sobremesa, cun 26,2% nesta franxa eminentemente informativa, e na noite, cun 13,3%.

Con respecto á anterior onda do Estudo Xeral de Medios, a TVG é a canle que máis cota de pantalla suma, tanto de luns a venres (1,3 puntos) coma no conxunto da semana (1,7 puntos). 

Unha vez máis, constátase o gran contraste entre os datos do EXM, que se obteñen a través de enquisas, e os de audiometría proporcionados por Kantar Media, xa que esta diferenza se sitúa en 5,8 puntos de cota no conxunto do día de luns a domingo e medra de luns a venres ata os 6,1 puntos.