CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG fai dúas semanas de 'Destino Santiago', a experiencia pioneira de 'slow TV', con forte impacto en redes sociais

06/04/2017

O contido multiplataforma da TVG, que dá seguimento á peregrinación cara a Santiago durante 40 días de Lucía Pérez e Tonhito de Poi, pode verse a través da web www.destinosantiagotvg.gal.

Este espazo pode comentarse nas diferentes redes sociais, onde contan con máis de 48 millóns de visualizacións en Twitter e alcanzan as 20.000 persoas nun só día en Facebook

 

A TVG fai dúas semanas de 'Destino Santiago', a experiencia pioneira de 'slow TV', con forte impacto en redes sociais

Frómista (Palencia) 07.04.2017- A Televisión de Galicia comezou, hai dúas semanas, unha experiencia pioneira en España coñecida como slow TV ou televisión amodiño, chamada 'Destino Santiago'. Este espazo emite de 8.00 a 20.00 h. o traxecto en tempo real do Camiño Francés dende Roncesvalles ata Santiago de Compostela dos interpretes galegos Tonhito de Poi, integrante da banda Heredeiros da Crus e colaborador do programa da TVG 'Land Rober Tunai Show' e Lucía Pérez, representante de España en Eurovisión 2011. Os espectadores poden ver os artistas nas etapas do Camiño, duns 22 quilómetros cada unha, en directo a través da web www.destinosantiagotvg.gal. Ademais do seguimento ininterrompido, a audiencia pode coñecer a última hora desta viaxe mediante conexións en directo nos diferentes programas dos medios públicos. 

Esta nova experiencia conta cun amplo seguimento en redes sociais, con presenza en Twitter, Instagram e Facebook, onde os espectadores poden facer os seus comentarios e estar ao día do programa a través dos perfís Destinostgo e o cancelo #DestinoSTGO. Durante estas dúas semanas de emisión, os chíos da conta de Twitter  recibiron máis de 48 millóns de visualizacións dende a súa creación, e no perfil de Facebook contan con publicacións que chegan a máis de 20.000 persoas nun so día. Por outra banda, a emisión en streaming na web está a ter tamén un gran alcance. Conta con seguidores en países tan variados como, O Xapón, Holanda, Bélxica, Suíza, Alemaña, O Reino Unido, Estados Unidos, Francia ou México. Tamén se segue en cidades coma Barcelona, Madrid ou Valladolid.

Os artistas Lucía Pérez e Tonhito de Poi levan percorridas 14 etapas e xa pasaron polas  comunidades de Navarra, A Rioxa e agora, Castela e León, onde os medios locais e autonómicos fixéronse eco desta nova experiencia da Televisión de Galicia. Hoxe  mergúllanse na provincia de Palencia e en dous días chegan á de León, onde farán paradas en Sahagún e na capital. 

Este sábado, ás 20.20 h., emítese na primeira canle da TVG o programa semanal de 'Destino Santiago', que resumirá os mellores momentos da semana. O espazo contará con declaracións inéditas dos protagonistas, que narrarán as súas experiencias e inquedanzas durante estes días nos que destaca a forza de Tonhito de Poi facendo a maioría do Camiño descalzo, a viaxe en globo pola Rioxa, o recibimento dunha confraría de Logroño co correspondente investimento dunha capa representativa e sobre todo a importancia da música, que acompaña os artistas dende o comezo desta aventura.