CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG ofrece longametraxes, documentais e monográficos arredor das Letras Galegas

13/05/2018

Achegará durante toda a semana ciclos de documentais sobre os nosos autores acompañados da emisión de cinema galego, amais dun 'ZigZag Diario' e dunha serie dos Bolechas especiais
 
Na Radio Galega, Kiko Novoa transmitirá o 'Galicia por Diante', o 17 de maio, en directo desde Pontevedra e realizará un 'Diario Cultural' monográfico

Creouse tamén unha canle temática na web sobre María Victoria Moreno

A TVG ofrece longametraxes, documentais e monográficos arredor das Letras Galegas

Santiago, 13.05.2018.-  Os medios públicos galegos súmanse á celebración do Día das Letras Galegas ofrecendo unha programación especial ao longo de toda a semana dedicada á autora homenaxeada este ano, María Victoria Moreno, escritora de literatura infantil e xuvenil en lingua galega, que exerceu como mestra e, aínda que era estremeña de nacemento, avogou sempre pola defensa da nosa lingua.

Ademais da cobertura informativa dos principais actos e actividades que se desenvolverán en Galicia con motivo da efeméride, Televisión de Galicia achegaralles aos espectadores variados documentais, longametraxes e monográficos que afondarán na vida e obra da escritora residente en Pontevedra.  

Na véspera do Día das Letras, a TVG estreará a primeira ficción sobre a vida da ilustre Rosalía de Castro, 'Contou Rosalía'. Unha película para televisión coa que se pretende ofrecerlle ao público televisivo unha nova ollada sobre quen segue a ser un mito, un dos símbolos de Galicia máis vivos no imaxinario colectivo. Ambientada no Madrid de mediados do século XIX, a propia Rosalía contará como foi a súa vida social, como viviu a súa paixón de escritora e o seu reencontro co historiador Manuel Murguía. Tras a emisión da tv-movie emitirase un documental sobre a escritora padronesa.

O 17 de maio, Televisión de Galicia ofrecerá na sobremesa unha edición especial de 'ZigZag Diario' en que, baixo o lema 'Os herdeiros de María Victoria', fará un percorrido polos autores galegos que máis venden na actualidade nos distintos xéneros literarios, ademais de realizar entrevistas a escritores en quen tivo unha especial pegada a súa relación coa autora homenaxeada, como é o caso do poeta e narrador Xesús Rábade Paredes, un dos seus discípulos máis destacados.

Tamén o propio Día das Letras Galegas, a TVG e a tvG2 estrearán o documental 'María Victoria Moreno' sobre a vida e obra da autora homenaxeada este ano.

Ao longo de toda a semana, a obra de María Victoria Moreno chegaralles aos fogares galegos tamén a través de pezas audiovisuais realizadas a partir do conto 'A festa no faiado' e da novela xuvenil 'Anagnórise', dúas obras representativas desta autora, que se irán intercalando entre a programación da TVG.

Documentais, cinema e unha serie especial dos Bolechas

Os máis pequenos da casa gozarán na tvG2 coa estrea dunha nova serie dos Bolechas, baseada na colección 'As miñas primeiras Letras Galegas'. Cada día, nas faixas do almorzo e da merenda, poderán ver no formato dos Bolechas unha entrega centrada nun autor ou autora ao que se lle dedicou esta data. En total serán 7 capítulos que achegarán a figura e obra de Ánxel Fole, Carlos Casares, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e a propia María Victoria Moreno.    

Nesta Semana das Letras Galegas, a tvG2 ofrecerá cada xornada no ‘prime time’ unha longametraxe galega destacada que irá sucedida dunha selección de documentais sobre autores ilustres galegos que foron homenaxeados nesta efeméride.

Comezarase coa emisión de 'Sinbad', tv-movie baseada no realismo máxico da obra de Álvaro Cunqueiro. A continuación, achegarase 'Cunqueiro: o Señor das Palabras”, documental que conta o contexto histórico e o mundo das personaxes deste extraordinario fabulador.  

'Bonito Crime do Carabineiro', película baseada na obra do premio Nobel, Camilo José Cela, precederá o martes unha dobre oferta de documentais: 'Rosalía, a musa dun pobo', que fai un percorrido pola súa vida e traballo literario a través dos testemuños de estudosos, e 'Cantares Gallegos', realizado con motivo dos 150 anos da publicación do libro.

O mércores, a película 'Doentes', baseada nunha obra teatral homónima de Roberto Vidal Bolaño, antecederá a emisión de 'Recuperando a Vidal Bolaño', documental que percorre a vida do dramaturgo compostelán desde catro perspectivas: a persoa, a obra, o escritor e o espectáculo. A tvG2 continuará na véspera do Día das Letras ofrecendo 'Cantigas de Celso Emilio', sobre a poesía social e comprometida do escritor de Celanova, que inspirou a música de numerosos artistas galegos nos últimos anos de franquismo e durante a transición democrática, e 'O instante eterno', de carácter biográfico sobre Xosé María Díaz Castro.

O Día das Letras Galegas, tras a estrea do documental sobre María Victoria Moreno, emitirase 'Manuel María. Paixón de palabra e terra', dedicado a esta figura fundamental para a restauración da lingua e da literatura galegas nos anos de posguerra, sendo o primeiro autor novo que publicou un libro en galego despois da guerra civil.

O venres péchanse estes ciclos especiais na tvG2 coa 'road movie' 'Os Crebinsky', de Enrique Otero. Unha película con trazos de surrealismo e cine bélico, que debuxa un universo máxico que triunfou en varios festivais do sector. A maiores, proporase un monográfico do programa 'Vivir aquí' sobre Carlos Casares, elaborado coas lembranzas e anécdotas contadas polo propio autor, que trazan o seu perfil humano e autobiográfico, e o documental '100% CEF', que reconstrúe a figura de Celso Emilio Ferreiro a través de entrevistas a autores e expertos na súa obra, ademais de a familiares e amigos. Finalmente, o documental “A ollada de Blanco Amor” pon o broche a esta programación especial da tvG2 pola Semana das Letras Galegas. Dirixido por Gaspar Broullón, amosa a ollada particular de Eduardo Blanco Amor, un dos autores máis importantes da literatura galega do século XX, a súa personalidade e actitude ante situacións cotiás.

Especiais do 'Galicia por Diante' e do 'Diario Cultural' 

A Radio Galega implicarase tamén ao longo de toda a semana coa celebración da efeméride, ofrecendo contidos que permitan un maior coñecemento da autora e da súa obra, como entrevistas a biógrafos, escritores e familiares nos distintos programas da emisora pública.

O propio 17 de maio, o presentador Kiko Novoa desprazarase ata o Teatro Principal de Pontevedra para realizar en directo o espazo 'Galicia por diante', entre as 8.00 e as 12.00 horas, que dará comezo o acto oficial do Día das Letras e será transmitido pola web da CRTVG. O programa 'Diario Cultural' ofrecerá, como é costume, unha edición monográfica sobre as Letras Galegas.

A web da CRTVG, tamén coas Letras

O compendio de contidos sobre María Victoria Moreno dos medios públicos complétase coa web, que dedica unha canle temática ás Letras Galegas 2018. A través da ligazón http://www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/letras-galegas-2018, os usuarios poden acceder a unha recompilación dos vídeos relacionados coa celebración das Letras e coa autora estremeña producidos polos medios públicos galegos.

No arquivo en liña http://pasouoquepasou.crtvg.es, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey guían os usuarios pola vida e a obra de María Victoria Moreno.

A páxina web da Radio Galega (www.crtvg.es/rg) inclúe, pola súa banda, audios do 'Diario Cultural' de diálogos coa autora homenaxeada, así como de persoas que tiveron relación con ela.

As contas da CRTVG nas redes sociais tamén apoiarán a programación especial da Televisión de Galicia e, a maiores, ofrecerán vídeos sobre a escritora e pezas con curiosidades sobre a lingua galega.

A CRTVG desenvolverá a súa terceira campaña anual de Responsabilidade Social Corporativa con motivo da Semana das Letras. Dedicada á autora homenaxeada, consiste en catro cortiniñas para televisión e para a web (ww2.crtvg.es/rsc/) que fan referencia a catro obras de María Victoria Moreno.