CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG estrea esta noite "Tourilandia", o novo programa de humor e entretemento presentado por Xosé A. Touriñán

11/01/2012

O carismático adestrador David Vidal e o elenco de actores da obra teatral “O florido pénsil” serán protagonistas na primeira entrega deste espectáculo, que se caracterizará pola comicidade, a participación do público e o factor sorpresa

A TVG estrea esta noite "Tourilandia", o novo programa de humor e entretemento presentado por Xosé A. Touriñán

Santiago, 12.01.2012.-       Os amantes do mellor humor feito en Galicia teñen desde hoxe unha cita ineludible cada xoves á noite coa TVG, que estrea “Tourilandia”, un espectáculo que se caracterizará pola comicidade, a participación do público e o factor sorpresa. A nova proposta da canle pública chega avalada por un equipo de guionistas e actores galegos de primeira fila que converterán cada edición en todo un espectáculo. Á fronte de todos eles, Xosé A. Touriñán, o que fora un dos integrantes de Mucha e Nucha, entre os moitos papeis cómicos que o coñecido actor leva desenvolvido no transcurso da súa aplaudida carreira artística. Touriñán, presentador e director deste novo programa, estará acompañado por actores de longa traxectoria no mundo do humor, como Federico Pérez, Isi, Isabel Risco, Iria Sobrado e Marcos Pereiro, que cada semana darán vida a distintos personaxes.

“Tourilandia” ofrecerá cada xoves a partir das 22.00 h dúas horas de espectáculo con público, en que o humor será o fío condutor. Así, no programa, producido por CTV para a Televisión de Galicia, haberá sketchs, tanto no estudio coma en exteriores, convidados famosos que amosarán a súa vertente máis artística, actuacións en directo de grupos musicais e da propia banda do espazo, parodias, comedias de situación e vídeos musicais.

Ademais, o programa contará cun concurso de novos talentos, en que persoas anónimas poderán exhibir todo tipo de habilidades dificilmente catalogables. Neste talent show, a xente da rúa poderá amosar os seus dotes para o canto, o baile ou o deporte e tamén demostrar a súa habilidade para realizar destrezas imposibles de clasificar. Calquera aptitude ocorrente que se poida demostrar nun minuto de tempo terá cabida en “Tourilandia”. O público tamén participará de maneira activa a través dun xogo de habilidade física e resistencia psíquica, en que a amizade será posta a proba.

Na súa posta de longo, “Tourilandia” recibirá esta noite a visita no estudio do singular e sempre carismático adestrador David Vidal. Tamén se achegará ao programa o elenco de actores da obra teatral “O florido pénsil”, composto por Xosé Manuel Olveira “Pico”, Antonio Durán “Morris”, Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra, que falarán dunha montaxe que recrea a represión do sistema educativo franquista e se imbuirán no humor de “Tourilandia”. Ademais, no capítulo musical, o novo espectáculo da Galega contará coa actuación da cantante Sés, unha artista de referencia no panorama musical actual en Galicia.

Galería de imaxes