CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG estrea esta noite o thriller policial 'A estiba', que comeza coa chegada ao porto de Ardora dun barco con toda a tripulación morta

22/09/2019

Melania Cruz, Luís Iglesia, Desiré Pillado, Antea Rodríguez e Adrián Castiñeiras son os protagonistas desta trepidante ficción, que se desenvolve na cidade cos índices de criminalidade máis elevados do país (22.15 h.)

A TVG estrea esta noite o thriller policial 'A estiba', que comeza coa chegada ao porto de Ardora dun barco con toda a tripulación morta

Santiago, 22.09.2019.-   Esta noite chea á Televisión de Galicia o trepidante thriller policial 'A estiba', a primeira ficción dos medios públicos galegos que se inspira no traballo da Policía Nacional. Producida por Voz Audiovisual, creadora de produtos de éxito como 'Matalobos' ou 'Serramoura', foi gravada este verán en exteriores de Sada, Culleredo, Bergondo, A Coruña e Ferrol.

A produción, de 15 episodios e dirixida por Miguel Conde, Juan Galiñanes e Giselle Llanio, ten como protagonistas tres actrices: Melania Cruz, Desiré Pillado e Antea Rodríguez, que se meten na pel das irmás Fortes, as fillas do comisario da localidade ficticia de Ardora. Forman parte dun elenco de cerca de 20 actores e actrices, entre os que destacan Luís Iglesia, Ana Santos, Adrián Castiñeiras, Fran Lareu e Fernando Dacosta.

Un misterio é o punto de partida de 'A estiba', que comeza co atraque dun barco no porto de Ardora, onde toda a súa tripulación foi masacrada. Cando os axentes de policía van investigar o acontecido, descobren que no porto rexe unha soa lei, a do silencio. Ardora é unha cidade próspera, onde se vive da actividade comercial e industrial do seu porto, pero que conta cos índices de criminalidade máis elevados do país.

O atropelado atraque do barco coa súa tripulación cribada a balazos coincide no mesmo día en que Manuela Fortes regresa á vila para substituír o seu pai á fronte da comisaría, que se xubila no arranque da serie, tras pasar varios anos desenvolvendo unha carreira brillante fóra de Galicia. Sendo Ardora o seu primeiro destino como comisaria, Manuela é consciente de que todas as olladas están sobre ela. Máis aínda sendo filla do ex comisario Emilio Fortes, querido e admirado por todos.

Para Emilio e Ramiro, o seu home de confianza na comisaría, o principal sospeitoso é César Longueira, un estibador e líder dunha mafia que opera no porto controlando as descargas ilegais dos barcos que chegan a Ardora. Sen probas que sosteñan a teoría de que César teña algo que ver co acontecido no Delta, Manuela non ten máis remedio que dirixir os seus efectivos cara a novas teorías que expliquen o que pasou no mercante.

Pero non é a única fronte aberto para Manuela, pois tamén ten compromisos familiares que atender, despois de levar varios anos destinada en Madrid. O primeiro deles é a celebración da xubilación de Emilio, un evento familiar que porá de manifesto a mala relación entre os Fortes. Mercedes, a súa nai, só ten miradas de eloxio para Manuela; Rosalía, a irmá mediana, vive para coidar da súa nai e para ser a esposa perfecta do alcalde de Ardora, Marcos Sánchez, e Cruz, a irmá pequena, tamén policía na comisaría de Ardora, xa está de volta de todo.
    
Alleo á investigación da policía de Ardora, César Longueira fai todo o posible por atopar a carga do Delta. El e os seus estibadores eran os encargados da mercancía toda vez que o barco chegara ao porto, pero a súa desaparición só pode ter consecuencias negativas para os seus.