CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG emitirá en alta definición polas dúas canles no mes de marzo

28/02/2019

O director xeral anunciouno hoxe no Parlamento, sinalando que estes días xa se están a facer, con éxito, as probas das emisións en alta definición

As xestións de compra do múltiplex levadas a cabo nos últimos meses, xunto coa implantación do novo sistema dixital permite que a CRTVG emita a tanto a Galega como a G2 en HD, mantendo tamén as dúas canles en SD

A TVG emitirá en alta definición polas dúas canles no mes de marzo

Santiago, 28.02.2019.-   Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, anunciou hoxe no Parlamento que a televisión galega empezará a emitir en HD o vindeiro mes de marzo. Na súa comparecencia mensual ante a Comisión de Control á CRTVG, Izquierdo salientou que a TVG será a única televisión con máis dunha canle en España que emite toda a súa oferta televisiva en HD: “Neste mes de marzo, os galegos poderán sintonizar nos seus televisores as dúas canles públicas galegas -a TVG1 e tvG2- en alta definición (HD), e non só unha como era a previsión inicial, aínda que tamén se manterán as canles en definición estándar (SD)”.
 
Nas vindeiras semanas, a CRTVG informará á audiencia a través da TVG, a Radio Galega e as redes, sobre os pasos para sintonizar nos televisores estas canles HD, que se distinguirán tamén por un indicador en pantalla para diferencialas das actuais. No servizo de información en pantalla, EPG (electronic program guide) tamén se distinguirán unhas canles doutras.

Os traballos realizados de estabilización da plataforma e o acceso ao múltiplex fixeron que a CRTVG traballara estes últimos meses sobre esta posibilidade máis ambiciosa de emitir polas dúas canles e non só unha como era a previsión, e que finalmente se confirmou esta semana.

En todo caso a CRTVG seguirá tamén emitindo as súas dúas canles en SD, “xa que unha pequena parte da poboación aínda consume a televisión nese formato”. “As emisións en HD suporán un gran pulo para toda a programación de entretemento, para os informativos e para as retransmisións deportivas, que agora se poderán ver en HD pola segunda canle, a tvG2”, informou.

Na mesma comparecencia, o director xeral respondeu tamén a unha pregunta do PSdeG sobre a cobertura da TVG desde decembro das mobilizacións na sanidade pública, defendendo o traballo dos profesionais da radio e televisión públicas, especialmente no que respecta ao domingo 10 de febreiro, cando coincidiron unha manifestación sobre sanidade en Compostela, e a convocatoria en Madrid en contra do Goberno central, das que a televisión informou na mesma liña que o resto de medios galegos, e “podemos concluír que a cobertura foi lóxica e proporcional”, dixo. Ademais, e en resposta ao PP, Sánchez Izquierdo fixo un balance de 2018, que a CRTVG pechou con saneamento financeiro, como reflicten as contas públicas, cunha cota media de pantalla do 10,8% no conxunto do ano e co apoio da audiencia, como se extrae do informe de FORTA que di que  o 90% dos galegos enquisados cre que a TVG contribúe á promoción da identidade galega.

Ao respecto da posición da CRTVG de non saír a desmentir publicamente –a CRTVG si que o fixo a nivel legal- novas falsas xurdidas en torno á Corporación, como os “40 segundos" da sentenza da trama Gürtel, ou da desaparición dun programa de radio, Izquierdo salientou que: “sería moi sinxelo usar toda a capacidade da CRTVG para contestar aos bulos (...), este director xeral e o seu equipo directivo somos conscientes de que circulan infinidade de fakes polas redes, que logo se utilizan desde determinadas plataformas ben políticas ben sindicais. É unha tentación aplicar toda a nosa potencia para polemizar arredor deles, pero non é o noso papel defender á CRTVG nesa forma. Temos que facer as cousas ben, e soportar as críticas e os bulos, as novas falsas”.