CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG é a única canle que aumentou a audiencia en Galicia no tramo de 15 a 30 anos nos últimos 4 anos

21/06/2019

Sánchez Izquierdo presentou na Comisión de Control á CRTVG a memoria de servizo público da Corporación correspondente a 2018, e na que destacou o proceso de dixitalización da televisión galega, rematado en novembro

“Acadamos unha cifra insólita nas televisións estatais: o 96% das horas de emisión na TVG foron contidos xerados en Galicia e por galegos”, salientou o director xeral da CRTVG

A TVG é a única canle que aumentou a audiencia en Galicia no tramo de 15 a 30 anos nos últimos 4 anos

Santiago, 21.06.2019.-  O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta mañá na Comisión de Control mensual da CRTVG do Parlamento de Galicia para presentar a Memoria de Servizo Público 2018, que recolle un resumo das accións levadas a cabo pola Corporación o ano pasado. Na súa intervención, Sánchez Izquierdo salientou o proceso de dixitalización dos sistemas de produción da TVG, que rematou no outono pasado, e todo o labor técnico desenvolvido para posibilitar as emisións en HD da canle galega, que se fixeron efectivas a principios de 2019.

Entre outros temas, Izquierdo resaltou o feito de que nos últimos catro anos, de 2014 a 2018, “a TVG foi a única grande canle española -pública ou privada- que conseguiu aumentar en Galicia a súa audiencia entre persoas de 15 a 30 anos”. “A CRTVG é a única canle que, non só non perde, senón que medra. Xente nova e novas audiencias”, dixo, para salientar que “os datos son os únicos que poden romper estereotipos”.

O director xeral expuxo a revolución que está a supor na CRTVG o novo sistema dixital, máis alá do cambio tecnolóxico: “Somos produtores de contidos non só para televisión, senón para todos os soportes. Isto é así porque a verdadeira transformación dixital chega cando deixamos de pensar en televisión ou en radio, ou en web. Chega cando pensamos nas persoas, nos usuarios, alí onde estean, e facemos un contido, unha noticia, unha reportaxe que poida ser emitida pola TVG, narrada pola radio, ou transformarse nunha peza, nun vídeo e nun número concreto de caracteres para as redes sociais”.

Izquierdo sinalou o compromiso dos medios públicos galegos coa produción propia, tanto a interna como a que se encarga a produtoras do sector audiovisual galego, que representaron, respectivamente, no 2018 o 51,62% e o 45,02% das horas totais de emisión: “A produción allea só supuxo un 3,36%. Penso que as cifras falan por si mesmas e trasladan o compromiso co sector audiovisual galego e co talento dos nosos profesionais"“Acadamos unha cifra insólita nas televisións estatais: o 96% das horas de emisión na TVG foron contidos xerados en Galicia e por galegos”, destacou.

No que respecta aos proxectos de futuro, o 2018 foi un ano de establecemento de sinerxías, como base para o desenvolvemento das futuras plataformas dixitais, desde o departamento de Innovación, “un dos departamentos chave para conformar a CRTVG das vindeiras décadas, o que vai por diante para coñecer máis e mellor as audiencias, e no que atopamos respostas no eido das novas tecnoloxías, sempre apoiados no tecido empresarial e investigador de Galicia”. Neste eido, Sánchez Izquierdo explicou que “o ano pasado naceron colaboracións con outras institucións, como é o Dico Mindset en colaboración con Amtega, ou o Dico Challenge en colaboración coa empresa de telecomunicacións R, ademais dun proceso de transformación dixital das ferramentas de emisión que dan lugar á construción dunha nova plataforma Over The Top (OTT) que se licitará neste ano 2019”.

Na mesma Comisión, Sánchez Izquierdo respondeu as preguntas de tres grupos parlamentarios -PSdeG, BNG e En Marea- sobre os horarios de emisión dos debates nas pasadas campañas electorais. Os debates entre os candidatos ás alcaldías das cidades galegas “puidéronse ver en 3 horarios diferentes: no informativo “Bos días”, o lugar habitual para os debates na CRTVG, unha hora máis tarde na redifusión do “Bos días” pola G2, e tamén pola noite en prime time da G2”. “E puideron  verse en lingua de signos, sen mencionar o servizo de “A Carta” da web”, completou.  “Nunca se lles dedicaron tantas horas aos debates, nunca” na TVG, pechou o  director xeral da Corporación.

Televisión de Galicia foi líder na xornada electoral do 26 de maio, na que o 44% dos galegos elixiu a TVG para informarse. O liderado da Galega foi absoluto, cun 19,2% de cota no día, superando amplamente canles como Tele5 ou La1, e un 28,8% no prime time. No que respecta aos comicios europeos, a Galega emitiu dous debates, o primeiro entre os líderes das formacións europeas celebrado en Bruxelas o 15 de maio, e que a CRTVG emitiu en galego; e o segundo, o xoves 23 de maio desde os estudios de San Marcos cos candidatos galegos ao Parlamento Europeo.

En total, a Radio Galega emitiu 11 debates, 4 deles na campaña de abril, un por provincia; e 7 debates, un por cidade, na campaña das eleccións de maio. E a TVG emitiu 10 debates (7 das municipais, 1 das xerais e os dous citados das eleccións europeas).