CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG e a Radio Galega emiten simultaneamente o debate a sete entre candidatos a deputados do Parlamento Europeo

22/05/2019

Ofrecerase o xoves no tempo do ‘Bos Días’, ás 10.00 horas e en directo, e a tvG2 redifundirao á noite en lingua de signos

A TVG e a Radio Galega emiten simultaneamente o debate a sete entre candidatos a deputados do Parlamento Europeo

Santiago, 22.05.2019.-  Televisión de Galicia e a Radio Galega ofrecen este xoves, simultaneamente, o único debate en que participarán sete candidatos ás eleccións de deputados ao Parlamento Europeo. De acordo co Plan de cobertura informativa e en aplicación da normativa electoral, o debate emitirase no tempo do ‘Bos Días’ en directo, ás 10.00 horas, e terá unha duración de 75 minutos. Posteriormente, a tvG2 redifundirao en lingua de signos (LSE), ás 22.45 h.

O debate, que se realizará desde o estudio 5 de San Marcos, moderado por Francisco L. Iglesias, ten prevista a participación de Francisco Millán Mon (PP), Nicolás González Casares (PSdeG-PSOE), María Vanessa Angustia Gómez (Unidas Podemos-Cambiar Europa), Lidia Senra (En Marea-Compromiso por Europa), Ana Miranda (BNG), Adrián Vázquez Lázara (Ciudadanos), e Hermann Tertsch (Vox).

A orde de intervención irá de maior a menor para abrir o debate, e de menor a maior para pechalo, segundo a porcentaxe de votos obtidos pola forza política nas eleccións europeas de 2014. Unha vez iniciado este espazo electoral, os tempos non se marcan, son libres. Haberá unha intervención inicial de dous minutos e unha final dun minuto por cada candidato.