CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG despide 2019 cun 13,6% de audiencia no día, un dos maiores rexistros do ano

02/01/2020

En decembro incrementa a 9,3% a súa cota no conxunto do día e a 9,8% no  'prime time', e remata o ano como segunda canle máis vista das autonómicas

O 'Telexornal mediodía' é o único informativo que logra coarse na lista dos dez espazos máis vistos do mes de entre todas as canles. 7 dos 25 espazos máis vistos do mes son da TVG, preto do 30%

Éxito de seguimento da gala de fin de ano da G

A TVG despide 2019 cun 13,6% de audiencia no día, un dos maiores rexistros do ano

Santiago, 02.01.2020.- Televisión de Galicia pechou 2019 cun dos maiores rexistros do ano. O día 31, a audiencia apoiou maioritariamente as propostas da canle pública galega outorgándolle un 13,6% de cota media no conxunto do día e un 16,6% no ‘prime time’. Na xornada de Noitevella foi tamén un éxito a emisión da gala de fin de ano, cun 18,9% de ‘share’ e unha audiencia media de 135.000 persoas, só superada polo especial de La1.

En decembro, por segundo mes consecutivo, a TVG experimentou un destacado incremento de audiencia no conxunto do día e obtivo un 9,3% de cota media; mentres que, no caso do 'prime time', esta ascendeu a un 9,8% de 'share'. O crecemento do seguimento respecto a novembro prodúcese en todos os días da semana, agás os sábados que se manteñen. No 'prime time' este aumento é moi notable, sobre todo os luns, que medran 1,3 puntos, os martes 3,7 puntos e os domingos 1,6 puntos.

Con relación aos datos do mes de decembro reflíctese tamén que a Galega remata o ano na segunda posición no conxunto do día dentro de FORTA, e supera a media do grupo en 1,1 puntos no ‘total día’ e 1,2 puntos no 'prime time'.

Na faixa informativa do mediodía (13.30 a 15.30 h), a TVG segue a ser líder cunha cota de 18%, superando en 3,6 puntos de 'share' a seguinte canle competidora (Tele5). Neste senso, cómpre salientar que só un informativo, o 'Telexornal Mediodía Fin de Semana', se coou entre os dez espazos máis vistos do mes de decembro, cunha cota de 25,8%. En total, 7 dos 25 espazos máis vistos do mes foron da TVG, o que supón preto do 30%.

Radio Galega histórica e proxectos dixitais de premio

CRTVG rematou un ano excelente en todas as súas canles de comunicación. Se a cota media acadada pola Galega foi de 9,3% en 2019, superando en máis dun punto a media da FORTA e cos informativos líderes destacados de audiencia, a Radio Galega pola súa banda asinou un ano histórico.

O último EXM de 2019 sinala que a audiencia da emisora pública galega se disparou ata obter as mellores cifras de audiencia desde 2014. En cifras, 181.000 oíntes escoitan cada día a Radio Galega de luns a venres, o que supón un incremento do 38% respecto a última onda do EXM. É o sexto mellor dato da historia da Radio Galega.

Tamén son históricas as cifras do grupo de emisoras públicas. Entre Radio Galega e Radio Galega Música supérase a barreira dos 200.000 oíntes, chegando aos 205.000 oíntes de luns a venres, un incremento do 35% respecto ao ano anterior. Cabe destacar a fortaleza do informativo 'Galicia por diante' que sumou 125.000 oíntes, o dobre que hai un ano, e tamén a consolidación da nova aposta dos espazos culturais, que aumentan nun 95% a súa audiencia con respecto ao modelo anterior, alcanzado os 60.000 oíntes semanais.

A aposta polas novas canles dixitais viuse reforzada con datos e premios neste 2019. O Instagal foi galardonado como o “Mellor Proxecto de Social Media” do ano nos Premios da Comunicación e o Márketing de Galicia, e a CRTVG é a canle de FORTA que máis medrou segundo o último informe elaborado pola canle de medición independente Comscore.