CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG comeza o curso recuperando os seus programas de máis éxito: 'Malo será!', 'Land Rober Tunai Show' e 'Luar'

11/09/2019

Novas temporadas do show itinerante que achega a televisión aos teatros do país, do buque insignia do humor en Galicia e do espazo de entretemento máis lonxevo da historia da televisión en España

A TVG comeza o curso recuperando os seus programas de máis éxito: 'Malo será!', 'Land Rober Tunai Show' e 'Luar'

Santiago, 11.09.2019.-    O verán desconta xa as súas follas no calendario e, antes de que remate, a TVG recupera esta semana os seus programas de máis éxito das últimas temporadas: os shows de humor 'Malo será!' e 'Land Rober Tunai Show' e o musical 'Luar', o espazo de entretemento máis lonxevo da historia da televisión en España, que o venres comeza a súa 28ª temporada.

'Malo será!', o programa itinerante que achega a televisión aos teatros de todo o país, estrea esta noite nova temporada no Auditorio Municipal Ilduara, en Celanova. Serán dúas horas de humor cos mellores cómicos da escena galega como protagonistas, aos que se unirá como convidado especial o inimitable Manuel Manquiña.

Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga, Paula Pier, Marita Martínez, Oswaldo Digón e Susana Sampedro compoñen o elenco de actores e actrices que, liderados por Marta Doviro, volverán levar cada mércores o mellor humor desde as táboas ás pantallas da TVG.

Mañá recuperará o seu lugar no prime time o buque insignia do humor e o entretemento en Galicia: o programa 'Land Rober Tunai Show', que volverá ofrecer cada xoves dúas horas en directo de espectáculo. Unha temporada máis, Roberto Vilar seguirá a facer das súas acompañado por algunhas das caras más coñecidas da TVG como colaboradores/as e convidados/as.

O capitán do Celta de Vigo, Iago Aspas, e a orquestra El Combo Dominicano, fenómeno de masas, abren unha temporada frenética. Pero, sen dúbida, un dos momentos máis agardados desta primeira entrega é a volta de Eva Iglesias tras a súa maternidade. O equipo quere darlle unha benvida ben emotiva que deixará máis dun coa boca aberta.

O venres 13, 'Luar' comeza temporada cun programa dedicado ás supersticións. Tras un breve e necesario descanso, Xosé Ramón Gayoso retoma o seu entusiasmo á fronte do experimentado equipo de 'Luar'. Nesta ocasión, estará acompañado por unha nova copresentadora, que cada venres lle achegará frescura e espontaneidade ao programa: Beatriz Serén, unha cara xa coñecida polos espectadores da Televisión de Galicia durante este verán, en que estivo como reporteira no 'Adiviña quen vén esta tarde'.

O concurso 'Recantos' comezará a súa décima edición, bautizada como 'Recantos de ouro', en que participarán concursantes destacados de anteriores edicións, moitos deles finalistas e mesmo gañadores.

Ademais das actuacións de artistas como Jon Secada e Ángela Carrasco, o espazo da TVG dedicará parte do seu tempo a lembrar a Camilo Sesto, en especial o seu paso por 'Luar'.