CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG celebra os 25 anos do ‘Xabarín Club’ cun concerto do programa ‘Inimitables’ en que o protagonista é o porco bravo con máis sona

18/04/2019

Neste evento, o espazo (23.25 h.) xunta grupos galegos actuais que forman parte da Xeración Xabarín para cantar os temas máis emblemáticos do programa

A TVG celebra os 25 anos do ‘Xabarín Club’ cun concerto do programa ‘Inimitables’ en que o protagonista é o porco bravo con máis sona

Santiago, 18.04.2019.-  No ano 1994, o club Xabarín arrasa entre os nenos galegos e crea unha comunidade entre a rapazada. Os primeiros socios saben de memoria as cancións, os personaxes, viven os nervios o día do aniversario cando vían a súa foto na tele, pero… Que foi deles? E daquel Xabarín?

‘Inimitables’ quere homenaxear o Xabarín xuntando unha serie de grupos actuais na sala Capitol de Santiago de Compostela, formados por músicos que medraron coas cancións máis míticas do programa, aqueles nenos que hoxe son adultos cun vínculo común: a Xeración Xabarín.

Triángulo de Amor Bizarro, Ataque Escampe, The Lákazans, Som Do Galpom, Dakidarría, Monoulious Dop, Escuchando Elefantes, Broken Peach e Fondo Norte serán os encargados de versionar en directo as cancións, pero estará con eles o Xabarín, sempre atento a todo o que poida pasar...

O programa está feito por e para os socios de antes e de agora, aos que Arturo Fernández irá buscando por toda Galicia para que conten as súas vivencias máis persoais. Socios, pais de socios, socios médicos, estudantes, músicos, socios maiores e máis novos, todos teñen cabida no ‘Inimitables’ 25 anos do Xabarín. Ademais, no programa estarán caras coñecidas da TVG que tamén forman parte da xeración Xabarín, así como algúns dos creadores das cancións máis míticas, como Manquiña, Xurxo Souto ou Javi Maneiro.

Un ‘Inimitables’ non para nostálxicos, senón para aqueles que viven e senten o espírito transgresor, ledo e enérxico do porco bravo máis famoso do mundo: o Xabarín!