CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG aposta polo comercio local con 'Escapárate', un novo programa que propón adentrarse nas tendas de toda a vida

09/09/2019

Cada semana, dous equipos, integrados por profesionais e polos propietarios dos negocios, competirán para ver quen consegue preparar o mellor escaparate (22.05 h)

A TVG aposta polo comercio local con 'Escapárate', un novo programa que propón adentrarse nas tendas de toda a vida

Santiago, 09.09.2019.-    O pequeno comercio esmorece nos barrios e no centro das cidades. O inimigo a bater é demasiado grande: por un lado, as grandes superficies, cos seus grandes orzamentos e fachadas enteiras á súa disposición, e, polo outro, os escaparates dixitais, coa súa facilidade e ubicuidade a un custo irrisorio. Para convidar o espectador a saír de novo á rúa a mercar, a TVG estrea este luns 'Escapárate', un programa que propón adentrarse nas tendas de toda a vida que loitan por saír adiante.

En 'Escapárate', que axudará a recuperar o comercio local comezando polo que primeiro se ve, 20 comercios e dous profesionais competirán coa axuda dos propietarios para ver quen consegue preparar o mellor escaparate. Clara Copena e Daniel Pérez dirixirán cadanseu escaparate nun máximo de 12 horas. Para esta tarefa, utilizaranse os produtos de cada tenda, pero tamén se engadirán á creación elementos externos para conseguir un escaparate espectacular respectando a idiosincrasia do comercio.

Co fin de valorar quen ten máis éxito, o programa contará cunha innovadora tecnoloxía que mide o tráfico de xente nas tendas: o clientómetro, que contará durante a semana anterior e posterior á reforma do seu escaparate a afluencia de xente nos locais. O equipo que consiga maior tráfico será o gañador do programa.

Historias, experiencias, sentimentos, risas e algún que outro dixomedíxome farán deste programa unha cita indispensable para todos os que botan en falta a Galicia dos pequenos establecementos, a súa proximidade, a súa atención esmerada e, sobre todo, o esplendor dos seus escaparates irresistibles.

'Escapárate' comeza hoxe a súa andaina axudando dous comercios que suman máis de 200 anos de historia. En Casa Juanito, de Melide, Clara Copena sabe que o seu escaparate xa non sorprende a ninguén e de que nel non se percibe a historia tan interesante que ten a tenda. No Comercial Tojo, situado na zona histórica de Santiago, Dani Pérez enfróntase a un escaparate ateigado de cousas: semella que houbese máis mercancía nel que no almacén da tenda. O seu reto será alixeiralo un pouco. Conseguirán aumentar as súas visitas coa reforma?