CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A través dun percorrido polas celebracións de verán, esta tarde demostrarase na TVG que “A Mellor Festa do Mundo” se fai en Galicia

12/10/2017

Este especial fará un percorrido polas principais celebracións galegas, desde as máis tradicionais, pasando polas máis multitudinarias, as máis alegres e as que ninguén quere perder

A través dun percorrido polas celebracións de verán, esta tarde demostrarase na TVG que “A Mellor Festa do Mundo” se fai en Galicia

Santiago, 12.10.2017.- Sen medo a errar, pódese afirmar rotundamente que a mellor festa do mundo se fai en Galicia. Por iso, na tarde deste xoves festivo, a Televisión de Galicia emitirá un programa especial (18.55 horas) para celebrar a gran cantidade de celebracións que se viviron durante este verán na nosa terra.

Celébranse festas durante todo o ano, pero é no verán cando a arte trouleira acada o seu máximo expoñente. Os galegos teñen por costume darlle a benvida á calor co San Xoán, unha festa máxica en que se queima todo o malo e se esconxuran as meigas; festéxanse todo tipo de santos: o San Roque, o san Ramón, o Carme...

Aprovéitase para montar festa tamén mentres se rapan as bestas. Cómese a fartar e, entre tanta parranda, bótanse unhas cantiguiñas e unhas bailas e acóllese cos brazos abertos a xente doutras terras que veñen de festexo á nosa comunidade. Non hai aldea nin parroquia galega que non celebre polo menos unha festa ao ano.

Este especial fará un percorrido polas principais festas galegas: as máis tradicionais, as máis multitudinarias, as máis alegres, as que ninguén quere perder. Estará nos Fogos do Apóstolo, na Guadalupe en Rianxo, abalando a Virxe da Barca, no San Roque, no Carme, no San Ramón, na Romaría vikinga de Catoira, na Rapa das Bestas en Sabucedo, no Berro Seco de San Fins, no San Xoán en toda Galicia, nos caneiros de Betanzos, e en moitas máis romarías e festas. Os galegos son moitas cousas pero, sobre todo, son festeiros.