CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Televisión de Galicia rematou marzo como canle autonómica líder

01/04/2017

Acadou unha cota de pantalla media do 10,7% e mantivo a súa primeira posición por terceira vez desde decembro

 

Ademais, no horario de 'prime time' obtivo a segunda posición en Galicia cun share do 11,4% e só por detrás de Telecinco

Santiago, 01.04.20176.-    A TVG foi a televisión autonómica máis vista durante o mes de marzo, cun 10,7% de cota de pantalla media, mantendo esta posición por terceira vez desde decembro pasado. As seguintes canles en audiencia foron a catalá (10,3), a andaluza (9,4) e a aragonesa (8,7).

En Galicia a canle pública galega estivo so por detrás de Telecinco na faixa horaria do prime time, cunha cota do 11,3%, e mantén esa posición por cuarto mes consecutivo. Ao 10,7% do total día hai que sumar os datos da tvG2, xa que a segunda canle achega outros 0,6 puntos correspondentes á súa audiencia media no total día de marzo.

Os programas de entretemento máis vistos do mes de marzo foron a serie 'Serramoura', os domingos, e 'Land Rober Tunai Show' os xoves pola noite. E, para confirmar o favorable peche do mes de marzo, este venres os dous programas con maior cota de pantalla en Galicia foron os informativos da TVG Galicia Noticias Mediodía, cun 28,5%, e Telexornal Mediodía cun 23%, mentres que no prime time 'Luar' foi a segunda opción máis preferida polos galegos, cun 14%.

Por outra parte, a audiencia social dos medios públicos estivo a respaldar con grande éxito o novo espazo da Televisión de Galicia, 'Destino Santiago', que segue en tempo real e desde o 21 de marzo a peregrinaxe a Compostela dos artistas Lucía Pérez e Tonhito de Poi. Esta primeira experiencia multimedia de slow TV en España, que se pode ver en directo en www.destinosantiagotvg.gal durante doce horas ao día, está a ter tamén un amplo seguimento en redes sociais, e acumula xa 32 millóns de impresións en Twitter. A emisión en streaming a través da web da CRTVG está a ter tamén un gran alcance e conta con seguidores en países tan variados como O Reino Unido, O Xapón, Suíza, Alemaña, Estados Unidos, Francia, Holanda, Bélxica ou México.