CRTVG Viva
A Televisión de Galicia finalizou o proceso de dixitalización das súas delegacións
Levouse a cabo nas sedes da canle pública galega da Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Madrid e supuxo, entre outras cousas, a incorporación de cámaras robotizadas
Os cambios na infraestrutura inclúen novos estudios audiovisuais, avances na edición e na posprodución e renovacións nos controis de realización
Cada delegación dispón dun arquivo audiovisual propio en calidade HD

Santiago, 05.06.2014.- A Televisión de Galicia vén de dar un paso máis na adaptación da súa infraestrutura tecnolóxica ao competitivo escenario actual coa conclusión do proceso de dixitalización das delegacións, que a canle autonómica ten nas cidades da Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Madrid. Este proceso terá continuidade e finalizará coa total modernización da redacción situada na sede do ente público galego.
A dixitalización das delegacións da Galega supuxo un gran reto para o medio público galego, xa que requiriu realizar profundos cambios na infraestrutura dos centros, que non interferiran na actividade diaria dos mesmos; novos estudios de gravación audiovisuais, con cámaras robotizadas HD programables que melloraran a calidade técnica dos contidos e optimizaran os recursos; unha implementación na edición e posprodución dixital, e unha renovación dos controis de realización, mellorando o equipamento e os programas.
Outro dos avances acadados é que as delegacións dispoñen agora de arquivos audiovisuais propios con fondos en calidade HD, xestionados desde San Marcos polo Servizo de Documentación da CRTVG a través de aplicacións web.