CRTVG Viva
A tecno-rumba de Camela e o rock de Astarot, entre os sons que se escoitarán esta noite no programa 'Luar'
Tamén pasarán polo escenario o grupo Atacados, a cantante Ana Angueira, a orquestra Pontevedra, a Escola de Gaitas de Ortigueira e a formación Son do Sil (22.05 h.)
Santiago, 26.10.2018.- O programa da TVG ofrecerá este venres, como é habitual, unha completa e variada selección musical, en que destaca o grupo Camela, que continúa na brecha despois de 25 anos de estrada e dos primeiros postos nas listas de vendas e popularidade de España. Impulsores da tecno-rumba nos 90, a parella composta por Dionisio Martín e María de los Ángeles Muñoz interpretará grandes éxitos como 'No pongas riendas al corazón' e 'Mañana nacerá otro día'.
Tamén está convidada esta noite a veterana banda de rock de Cangas do Mozarro Astarot, fundada hai 35 anos, que non dubidará en amosarlles aos espectadores que seguen sendo a lenda viva do rock galego.
Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana recibirá a visita da cantante galega Ana Angueira, da orquestra Pontevedra e da banda madrileña de pop-rock Atacados, que presentan o seu novo sinxelo, 'Nadie como tú', un tema cargado de enerxía e diversión.
No capítulo da música popular galega, o programa contará coa presenza da Escola de Gaitas de Ortigueira, a primeira banda de gaitas creada en Galicia e precursora das formacións modernas, da agrupación Tras O Eo do Centro Cultural A Ponte Vella, e de Son do Sil, formación que xermola na Tuna do Barco e enriquecida con achegas vocais e musicais da comarca de Valdeorras.
Finalmente, no tempo de 'Recantos', será a quenda de Velusa, procedente de Portugal norte, e de Dolores Tasende, representante da comarca Terras da Coruña.