CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

“A Tarde” visita a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual para coñecer o labor que desenvolven coa fin de cubrir as necesidades dos seus fillos

14/09/2017

O espazo “Convivir” interesarase polos contidos do 2º Congreso de Adopción de Pontevedra

A Banda Crebinsky falará sobre os seus proxectos máis inmediatos no “Arde o Sol” da Radio Galega

“A Tarde” visita a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual para coñecer o labor que desenvolven coa fin de cubrir as necesidades dos seus fillos

Santiago, 14.09.2017.- A Radio Galega ofrecerá ao longo desta tarde, entre outros contidos, a visita que un reporteiro realizou á Aspnais, en Lugo, para coñecer as actividades que desenvolven os pais para cubrir as necesidades especiais dos seus fillos. Interesarase polos contidos da nova edición do Congreso de Adopción que se desenvolverá na cidade do Lérez e conversará coa Banda Crebinsky sobre os seus proxectos máis inmediatos.

Cristina García, á fronte de “A Tarde” (15.00 h.) dará a coñecer os variados servizos e actividades que se desenvolven na Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo. Con este cometido, o reporteiro Víctor Neira visita as instalacións desta asociación, cuxo obxectivo fundamental é integrar social, educativa e laboralmente as persoas con algún tipo de discapacidade intelectual.  

O espazo “Convivir”, que dirixe e presenta Clara de Sáa, cada día ás 21.00 h., coñecerá as actividades que abranguerá esta fin de semana en Pontevedra a segunda edición do Congreso Galego de Adopción, impulsado pola asociación Manaia. Entre elas, explicaranse diferentes aspectos sobre o proceso de adopción, desenvolverase unha reunión de familias adoptivas e obradoiros.

Xa metidos de cheo na madrugada, Susana Rois, nos micros de “Arde o Sol”, conversará coa Banda Crebinsky sobre a súa axenda musical e sobre os preparativos do seu novo disco Zirkus Affe.