CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A situación de Damián á fronte do clan dos Canosa non fai máis que complicarse, esta noite en 'Método Criminal'

21/02/2021

Tuco, un dos seus mellores homes, traizoouno porque non cre que sexa un bo líder para o clan e quere sacalo do medio, pero el fará todo o posible por impedir o fatal desenlace

A situación de Damián á fronte do clan dos Canosa non fai máis que complicarse, esta noite en 'Método Criminal'

Santiago, 21.02.2021.-   Como verán esta noite os seguidores da serie ‘Método Criminal’ (22.30 h), a situación de Damián á fronte do clan dos Canosa non fai máis que complicarse. Tuco, un dos seus mellores homes, traizoouno porque non cre que sexa un bo líder para o clan e quere sacalo do medio. Nun dos seus últimos intentos por acabar co seu xefe, a axuda de Luís Iglesia foi determinante para salvar e Damián e a Cecilia dunha morte segura, pero agora Tuco reaparece de novo disposto a non errar o tiro.

Con todo, Damián fará todo o posible por impedir o fatal desenlace e convencer a Tuco de que ten bo corazón. Pero, se o consegue, terá que facerse valer ante os membros do clan, que clamarán vinganza contra Tuco.

Damián tamén terá que recompoñer a súa relación con Sofía. Ela está desexando ser nai, pero el non está disposto a que o seu fillo medre nun ambiente como o que hai no seu fogar nestes momentos, o que fará agromar unha fisura de dúbidas no seo da parella.

Mentres tanto, Luís, que segue loitando por conseguir o papel de protagonista na serie sobre Roi Xordo, vai ter unha axuda coa que non contaba. Cecilia sente que está en débeda con el despois de salvala dunha morte segura a mans de Tuco e ofrécese a axudalo para o que sexa. El declina a súa oferta, pero Cecilia decide actuar pola súa conta e conseguir que lle dean o papel a Luís.

Ao mesmo tempo, Sara decide facer unha visita á casa de Luís para facelo recapacitar e conseguir a súa colaboración para obter probas e deter a Damián e os membros do seu clan.