CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A serie documental ‘O compás do tempo’ achégase hoxe á figura de Cristovo Colón e á súa posible orixe galega

23/11/2021

Desde 1492, darase un salto ao século XXI, onde o descubridor de América se atopa perdido e necesita volver á súa época

A serie documental ‘O compás do tempo’ achégase hoxe á figura de Cristovo Colón e á súa posible orixe galega

Santiago, 23.11.2021.-  A serie documental ‘O compás do tempo’ (23.25 h) viaxa este martes ata 1492, o ano do descubrimento de América. Desde ese momento, o mundo cambiou para sempre. Pero talvez Colón non fose o primeiro. Din que os viquingos ou os chineses puideron chegar antes, pero o certo é que foi el quen o descubriu para o mundo occidental.

Desde esa data, o espazo da G2 dará un salto temporal ao século XXI, onde algo estraño sucede: un home di que é o mesmísimo Cristovo Colón. Asegura que viaxou no tempo, que está perdido e que necesita volver á súa época. Para iso terá que atopar a maxia de ‘O compás do tempo’ e Raúl axudarao na súa aventura.

Entre outras localizacións, esta edición de ‘O compás do tempo’, estará nos portos de Palos, La Rábida e Huelva, en Poio, en Baiona e no mosteiro da Cartuja, en Sevilla, onde se aloxou un tempo antes de partir cara a América. Ademais, formularase a eterna incógnita: era Colón galego? A versión oficial di que era xenovés, pero hai varias teorías que din que a súa orixe podería estar en Pontevedra. Certo ou non, a súa fama merece ser contada.