CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As producións da TVG 'Dalia, a modista', 'Destino Santiago' e 'Celtic Dance', candidatas aos premios Celtic Media Festival

07/03/2018

O certame, que promove as linguas e culturas das nacións e rexións celtas nos medios de comunicación, celebrarase do 2 ao 4 de maio en Llanelli, Gales

As producións da TVG 'Dalia, a modista', 'Destino Santiago' e 'Celtic Dance', candidatas aos premios Celtic Media Festival

Santiago, 07.03.2018.-     As producións da Televisión de Galicia 'Dalia, a modista', 'Destino Santiago' e 'Celtic Dance' competirán nos premios Celtic Media Festival, que se entregan na vila galesa de Llanelli entre o 2 e o 4 de maio. O evento, que se celebra anualmente desde hai case 40 anos, está destinado a promover as linguas e culturas das nacións e rexións celtas nos medios de comunicación. Ao festival presentáronse este ano máis de 500 candidaturas.

A miniserie 'Dalia, a modista', que compite na categoría de series de televisión con dúas producións da BBC, unha de France Television Bretaña, unha da televisión galesa S4C e unha da televisión irlandesa TG4, narra os acontecementos dunha vila galega nos anos 50 desde a perspectiva dunha costureira que traballa para mulleres ben situadas. Tras a morte da súa nai, Dalia decide viaxar a Prescedo, unha pequena vila onde pretende atopar respostas sobre o seu falecemento. Con este fío argumental, a serie convértese nunha mestura de intriga, amor e superación, ambientada no contexto histórico da posguerra.

'Dalia, a modista' está protagonizada por María Mera e conta con actores de prestixio coma Manuel San Martín, Susana Sampedro, Luísa Marelas ou Fran Paredes, e con novos talentos coma Xoán Forneas, María Roja ou Rebeca Stones.

O proxecto multimedia 'Destino Santiago', candidato no apartado de innovación, en que se enfrontará con tres producións da BBC, unha da irlandesa RTE e tres proxectos independentes, foi a primeira grande experiencia en España da chamada slow TV, concepto implantado pola canle pública norueguesa NRK e que na súa versión galega recibe o nome de televisión amodiño.

Os medios públicos de Galicia emitiron multiplataforma, durante 40 xornadas, a peregrinación en tempo real dos artistas musicais Lucía Pérez e Tonhito de Poi ata Compostela, seguindo o Camiño Francés. O espazo, que contou con máis de doce horas de emisión ininterrompida en directo, puido verse tamén en streaming pola web da CRTVG e seguirse a través de todos os soportes dos medios públicos: Televisión de Galicia, Radio Galega, web e redes sociais. En total, 'Destino Santiago' sumou arredor de 300 horas de emisión ao vivo.

Finalmente, na categoría de entretemento baseado en feitos reais, competirá 'Celtic Dance' xunto a producións da BBC, da televisión galesa S4C e das irlandesas RTE e TG4. Trátase dun programa musical en que se combinan as experiencias de aprendizaxe dos bailes tradicionais de Galicia e Irlanda. A prestixiosa escola de danza Dominic Graham School e os centros galegos de música tradicional O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos fan os espectadores partícipes do seu día a día, da preparación dos seus bailaríns e da súa dedicación para preservar e difundir a cultura tradicional de ambas as dúas terras.

O Celtic Media Festival, destinado a difundir e recoñecer os traballos de radiodifusión e audiovisual, combina conferencias, seminarios e clases maxistrais coa edición dos cobizados premios, nunha competición internacional que reúne os principais xéneros de contidos en televisión, radio, cine e medios dixitais. É un festival único que reúne profesionais consagrados con talento emerxente para amosar o que se está a facer nos territorios marcados pola cultura celta. Desde a súa creación en 1980, o festival celébrase cada primavera no corazón dunha das nacións e rexións celtas, este ano en Gales.