CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A serie da TVG 'Dalia, a modista' convértese en novela

16/09/2022

Os medios públicos participan neste novo proxecto arredor dunha ficción de éxito da Galega, que está actualmente dispoñible en www.enserie.gal

A serie da TVG 'Dalia, a modista' convértese en novela

Santiago, 16.09.2022.-   A serie de TVG ‘Dalia, a modista’ acaba de saltar da pantalla ao papel, ao converterse nunha novela do mesmo título escrita por Noe Martínez, guionista da serie, que foi presentada esta semana.

‘Dalia, a modista’ é unha ficción producida por CTV para a TVG e actualmente está en emisión na G2 e tamén dispoñible á carta en www.enserie.gal, o portal que reúne as series máis coñecidas da Televisión de Galicia. A ficción está protagonizada pola actriz María Mera, foi emitida na canle pública en 2016 e narra en catro capítulos a historia dunha costureira na pequena vila galega de Prescedo nos anos 50 do século pasado.

Na presentación da novela, Noe Martínez explicou que o proceso creativo e de adaptación do guión á novela significou “unha viaxe á inversa, do universo creado e sentido en imaxes ao mundo das palabras”. No acto tamén participaron os representantes das institucións vencelladas ao proxecto: Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo da CTV e tamén guionista da serie; Valentín García, secretario de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Xaime Arias, director de Proxección Social da TVG, e os actores María Mera e Manuel San Martín.

Xaime Arias amosou a satisfacción da CRTVG “ao participar neste libro polo que significa de explorar e innovar. ‘Dalia, a modista’ foi unha serie pioneira en vender dereitos de emisión a outros países e agora arrisca facendo o camiño á inversa: da serie sae unha novela. Ese é o espírito de experimentación que tamén buscamos á hora de chegar ao público no novo contexto audiovisual”, dixo.

‘Dalia, a modista’ fora a serie máis galardoada nos premios Mestre Mateo do ano 2017, con catro distincións: mellor interpretación feminina de reparto, dirección de arte, vestiario e maquillaxe e peiteado, e levou a ficción en galego a América Latina e Estados Unidos. A serie emitiuse tamén en canles autonómicas da rede de FORTA, como À Punt e foi vendida a canles europeas, así como de América Latina e dos Estados Unidos.