CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A segunda entrega de ‘Milenio’ mostra casos relacionados coa Santa Compaña e imaxes dun exorcismo en Galicia

13/08/2019

Este novo espazo semanal da Galega está dirixido aos amantes do insólito, os misterios e os fenómenos paranormais

A segunda entrega de ‘Milenio’ mostra casos relacionados coa Santa Compaña e imaxes dun exorcismo en Galicia

Santiago, 13.08.2019.- 'Milenio' (23.30 h.), o programa dedicado aos misterios de Galicia, regresa esta noite á Televisión de Galicia con dous novas reportaxes relacionadas co mundo dos mitos, crenzas e fenómenos estraños acontecidos na xeografía galega.

A primeira parte do programa titúlase 'Pasa... a Santa Compaña' e aborda o misterio galego con 'denominación de orixe'. Así, 'Milenio' non só presenta este asunto como un mito folclórico, senón que tamén dá voz ás persoas que afirman ter observado esta comitiva espectral. "Pasou tan preto de min que, se levantaba a man, podería tocala", afirma unha das testemuñas que conta por primeira vez a súa experiencia ante das cámaras. A reportaxe incluirá tamén a opinión de expertos e recreacións.

Na segunda metade do programa, 'Milenio' abordará o asunto dos exorcismos. Visitará os principais santuarios católicos en que aínda se realizan estas prácticas e amosará imaxes dunha sesión onde un sacerdote se enfronta a unha persoa presuntamente posuída. Así mesmo, a reportaxe inclúe unha entrevista a un exorcista galego e a opinión de expertos e testemuñas.

Televisión de Galicia estreou o pasado martes ‘Milenio’, espazo semanal dirixido aos amantes do insólito, os misterios e os fenómenos paranormais. Dirixido por Jorge Linares e producido por Volcán Producciones para a canle pública galega, ‘Milenio’ achega en cada emisión dous casos ou acontecementos que tiveron lugar en Galicia con protagonistas galegos. Cada tema é tratado con argumentos e testemuños, á parte de achegar datos, formularse interrogantes ou contar con opinións de expertos.