CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'A Sariña busca pretendentes' comeza outra rolda do concurso e recibe dúas novas parellas de concursantes

11/05/2022

‘Os Gandereteiros’, unha parella de amigos, e ‘Os Charritos’, un feliz matrimonio, chegán para disputarlles ás ‘Dispostas’ a clasificación para a gran final

'A Sariña busca pretendentes' comeza outra rolda do concurso e recibe dúas novas parellas de concursantes

Santiago, 11.5.2022.-   ‘A Sariña busca pretendentes’ (23.10 h) inicia esta semana nova rolda de concurso dándolle a benvida a dúas parellas. ‘Os Gandereteiros’ son amigos e chegan con ánimo de traballar moito e tocar a pandeireta, un equilibrio imposible de manter, que lle dará mais dun problema a este par de concursantes.

Con eles veñen tamén ‘Os Charritos’, un matrimonio de felices namorados que porá a proba a súa relación entre masas, picos e palas. Ademais, como parella veterana desta rolda, estarán ‘As Dispostas’, que loitarán por sétima semana consecutiva pola ansiada clasificación para a gran final.

Coma sempre, os avances na obra serán de vital importancia para gañar a chave que entrega o capataz e, mentres que dúas parellas traballan no interior, acometendo a reforma do dormitorio infantil e o despacho, a terceira en discordia fará o propio na fachada posterior da casa.

Ademais, tocará conquistar os veciños, rifar un pouco, chorar moito e tamén rir a gargalladas. O resultado de tantos desvelos verase no tramo final do programa, onde non faltarán as sorpresas. E é que en ‘A Sariña busca pretendentes’ só hai un premio e non se lle vai dar a calquera.
 
A continuación, a TVG achegará unha nova entrega de 'Sempre nos quedará a Sariña', onde cinco veciños de Coristanco debaterán sobre os mellores momentos da emisión desta noite.