CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A RG e AGAL poñen en marcha o concurso 'Musicando Carvalho Calero' para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas

22/06/2020

Solistas e grupos de calquera estilo musical poderán presentar as súas cancións ata o 22 de setembro e as finalistas, seleccionadas por un xurado, pasarán por unha fase de votación popular na rede

O certame dá pé, desde este luns, a unha sección semanal no ‘Diario Cultural’, en que se irá debullando a vida e obra do autor e se escoitarán os temas da primeira edición do concurso, celebrada hai dez anos

A RG e AGAL poñen en marcha o concurso 'Musicando Carvalho Calero' para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas

Santiago, 22.06.2020.-    A Radio Galega e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) organizan o concurso ‘Musicando Carvalho Calero’, ao que poden presentarse solistas e grupos de calquera estilo musical e que ten como obxectivo dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.

Os/as interesados/as en participar teñen que enviar unha canción en formato .mp3 a musicando@carvalho2020.gal. Os temas deberán estar licenciados baixo ‘Creative Commons’. As bases e recursos sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero pódense consultar en http://diariocultural.gal e tamén en http://musicando.carvalho2020.gal, onde se ofrece unha sección con material para elaborar os temas musicais e escoller o texto que mellor se adapte a cada estilo. Así, pódense musicar poemas completos ou fragmentos, modificalos, facer variacións de frases ou palabras -sen perder o significado xeral-, recurtar ou colar fragmentos de diferentes poemas, engadir frases propias que sexan concordantes co orixinal, etc.

O prazo para enviar as cancións remata o 22 de setembro. As cancións finalistas estarán colgadas na páxina web http://diariocultural.gal e no site http://musicando.carvalho2020.gal para que poidan ser escoitadas en todo o mundo. Un xurado, composto por persoas vinculadas ao mundo da música, ademais de a AGAL e á CRTVG, fará unha elección de 10 temas finalistas, que pasarán por unha fase de votación popular na rede para escoller a canción vencedora. Os nomes dos gañadores coñeceranse o 30 de outubro, 110º aniversario do nacemento de Carvalho Calero.

O premio para o grupo ou solista gañador, por parte da CRTVG, será promoción, entrevistas e actuación na Radio Galega e a TVG. O/a gañador/a poderá gravar o seu tema nos estudos de Radio Galega, incluída a gravación dun vídeo musical. Por parte de AGAL, a asociación entregará un premio metálico de 1.500 €.

A posta en marcha deste concurso dá pé, desde este mesmo luns, a unha sección semanal na edición matinal do programa ‘Diario Cultural’, en que se irá debullando a figura de Carvalho Calero, se explicarán as bases do certame e se animará a xente a participar.

Ademais, escoitaranse as cancións da primeira edición deste concurso, realizado hai dez anos por AGAL e ao que se presentaron formacións tan coñecidas na actualidade coma Ataque Escampe, Ruxe Ruxe, The Tetas Van e Esquíos, entre outros. O gañador daquela edición fora A Minha Embala, proxecto da angolana Aline Frazão e o segoviano César Herranz, coa súa versión do tema ‘Maria Silêncio’. Ademais, no ‘Diario Cultural’ iranse escoitando, a medida que se vaian coñecendo, as cancións finalistas do concurso ‘Musicando Carvalho Calero 2020’.